DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do proxecto DeltaNet de gobernanza sustentable destes espazos en Europa

A Universidade coordinará a rede rexional de cooperación do esteiro do Miño, MiñoNet

A Guarda acolleu a primeira xuntanza cos actores políticos, económicos, sociais e ambientais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 23/07/2010

MiñoNet é unha rede rexional de cooperación do esteiro do Miño enmarcada dentro o proxecto europeo DeltaNet para a gobernanza sustentable dos esteiros. Esta iniciativa continental, aprobada dentro do programa Interreg IVC, reúne a un grupo de nove rexións europeas con esteiros pertencentes a sete países, entre elas o esteiro do Miño. Precisamente a primeira reunión da rede rexional de Galicia e o norte de Portugal, MiñoNet, coordinada pola Universidade de Vigo, celebrouse este venres no concello de A Guarda reunindo a todos os axentes identificados como actores políticos, económicos, sociais e ambientais co obxectivo de presentar o proxecto global DeltaNet e constituír o grupo de traballo do esteiro do Miño.

O profesor Xavier Simón é o coordinador do proxecto rexional no que participan tamén concellos como A Guarda, O Rosal ou Tomiño; a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Augas de Galicia; o Aquamuseu de Vilanova de Cerveira; a Associação de Profissionais de Pesca de Rio Minho e Mar de Caminha; a Associação de Pescadores Preservação do Rio Minho, a Asociación de Pescadores do Río Miño ou a Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Rede europea de rexións con delta

O obxectivo desta rede europea de rexións con delta na que se insire MiñoNet é mellorar a gobernanza destas zonas a través dunha rede de cooperación que permita poñer en marcha procesos de aprendizaxe mutuo e boas experiencias de xestión. DeltaNet xorde da necesidade de incrementar a efectividade das políticas rexionais de desenvolvemento nas rexións con esteiros mediante este tipo de medidas coordinadas e nela danse cita o esteiro do Sheldt, entre Bélxica e Holanda; o delta do Ebro; o esteiro do Tejo; o delta do Danubio (entre Romanía e Ucraína); o delta do Vístula en Polonia; o esteiro do Elba en Alemaña; o delta do Llobregat e o esteiro do Severn, en Gales, xunto co do Miño.

Segundo Xavier Simón, “a xestión dos esteiros demanda cambios nas políticas públicas que propicien a participación de todas as institucións e organismos públicos e privados, de todas as voces que teñan intereses no esteiro”. Trátase de acadar unha maior conciencia pública e social sobre estes espazos e a súa importancia, así como sobre a súa complexidade económica, social e ambiental.

Os eidos de traballo

O proxecto DeltaNet ten cinco ámbitos de cooperación entre os seus socios que se concretan en buscar unha perspectiva de xestión que integre a economía e a ecoloxía; mellorar a xestión dos riscos de inundación e dos problemas de sedimentación; mellorar a conservación dos ecosistemas que forman os esteiros: hábitats específicos, biodiversidade, humedais, etc.; incrementar a conciencia pública sobre a importancia de deltas e esteiros a través da participación dos axentes e mediante a diseminación de boas prácticas entre a sociedade civil e definir sistemas que permitan poñer en marcha unhas políticas rexionais coordinadas en relación á xestión de deltas e esteiros.

A Universidade, como socio do proxecto para o esteiro do Miño, é o organismo encargado de “involucrar aos axentes da rexión Galicia- norte de Portugal e difundir os resultados; organizar os grupos de traballo coa participación dos axentes locais, públicos e privados; participar e contribuír aos grupos de traballo e ás conferencias que se organicen no ámbito do proxecto DeltaNet e, finalmente, aconsellar, a partir das boas prácticas locais, a outros socios acerca de cómo enfrontarse a esa mesma problemática na súa rexión.

En definitiva e con esta primeira reunión en A Guarda como punto de partida, a Universidade eríxese como elemento mobilizador entre os actores relacionados co esteiro para crear unha rede de interaccións estables que formará o Grupo de Traballo do Esteiro do Miño, GTEM.

Contido da primeira xuntanza

No seo desta primeira xuntanza de MiñoNet, celebráronse dous workshops. O primeiro deles tratou sobre a integración das cuestións ecolóxica e económica co obxectivo de identificar boas prácticas nesa temática e elaborar as recomendacións políticas que se deberían seguir. Neste contexto tamén se discutiu sobre a elaboración dun plan de traballo que permita incidir positivamente na configuración da política rexional (estatal, europea) para mellorar a integración dos obxectivos económicos e ecolóxicos. O segundo obradoiro de traballo centrouse na xestión dos riscos de inundación e sedimentación, centrándose na identificación das boas prácticas existentes no Río Miño para a xestión deste tipo de problemas. Ademais, ao longo da xornada os actores principais definiron tamén a participación de MiñoNet na seguinte reunión de DeltaNet en outubro en Lisboa e elaboraron un plan de traballo a seguir dentro da rede.

Entre os acordos tomados nesta reunión, explica Simón, "está o de estendela a outros axentes sociais e institucionais". A Universidade de Vigo asumiu a súa tarefa de coordinación e desenvolverá as accións necesarias "para vincular máis axentes e avanzar no obxectivo do DeltaNet: avanzar na gobernanza sustentable das rexións con esteiro", conclúe.