DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun convenio coa Federación Española de Ciclismo

A Universidade dálle a benvida ao ciclismo

Poranse en marcha diferentes proxectos de investigación e múltiples actividades

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 10/12/2010

O esforzo, a capacidade de superación e a dedicación que esixe o ciclismo son cualidades que a Universidade quere recoñecer e pór en valor entre a comunidade universitaria, algo que terá máis doado grazas á sinatura dun convenio marco de colaboración coa Real Federación Española de Ciclismo, un acordo asinado este venres e que suporá un notable incremento da relación entre ambos organismos e que se traducirá, entre outros aspectos, en maiores niveis de investigación e ensino sobre o mundo do ciclismo.

Asinado pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, e o presidente da federación, Juan Carlos Castaño, este convenio é, segundo apuntou a vicerreitora, o resultado da preocupación do campus de Pontevedra pola acción social e as escolas deportivas “sobre todo nestes tempos de crise onde se prioriza a importancia pola saúde a través do deporte”, subliñou tras a sinatura, ao que engadiu que o convenio “supón a unión de afección, profesionalización e investigación nun deporte que conta con moitísimos seguidores en Galicia".

Para Juan Carlos Castaño, que estivo acompañado no acto polo director da Escola Nacional de Adestradores de Ciclismo, Gonzalo Cuadrado, “o ciclismo é un dos deportes que sempre viviu case de costas á ciencia e á cultura, dependendo sempre de persoas con moi boa vontade pero con escasos coñecementos formativos”, situación que está a mudar “grazas ás colaboracións coas universidades que dignifican este deporte”.

Cursos, conferencias, seminarios...

O convenio de colaboración asinado por ambas partes recolle as iniciativas que ambas institucións queren levar a cabo conxuntamente. Entre elas destaca o desenvolvemento de proxectos de investigación así como o apoio a investigadores e ao alumnado, sobre todo no que respecta a cuestións de mobilidade. Por outra banda, tamén centran os seus obxectivos na organización e realización de actividades académicas, tales como cursos, conferencias, simposios ou seminarios, sen esquecer a colaboración permanente e o intercambio de proxectos culturais.

Durante a xuntanza, á que tamén asistiron a decana da Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte, Francisca Fariña e o profesor e promotor do convenio Óscar García, tratáronse medidas máis concretas para aplicar a medio prazo. Os cursos de formación para o alumnado específicos en ciclismo foi unha das primeira propostas que xurdiron, así como a posibilidade de incluír materias relacionadas con este deporte nos plans docentes ou o desenvolvemento de mestrados que o teñan como eixo principal.