DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Lameiras e Manuel Baltar reuníronse este martes en Ourense

Universidade e Deputación analizan as liñas de colaboración

Proximamente asinarase o convenio anual entre as dúas institucións

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 07/03/2012

Cada ano a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense asinan un convenio de colaboración no que se establecen diferentes liñas de traballo en eidos como a cultura, a investigación e a formación no campus de Ourense. Co gallo de analizar e de avanzar nos programas que se incluirán no acordo deste ano, este martes reuníronse María Lameiras, vicerreitora do campus, e Manuel Baltar, presidente da Deputación.

A xuntanza tivo como obxectivo perfilar o contido do novo convenio que asinarán proximamente as dúas entidades e que incluirá propostas de colaboración nos ámbitos formativo, cultural e de investigación. Concretamente, os diferentes programas de colaboración que se porán en marcha ao longo do ano 2012 refírense ao desenvolvemento de equipos de investigación, actividades culturais e deportivas, cursos de extensión universitaria e mobilidade de alumnos en proxectos de estudos.

Durante a reunión, o presidente da Deputación transmitiu á vicerreitora do campus de Ourense a consideración de que, a pesares da crise e das dificultades económicas, o campus debe seguir mantendo o seu alto nivel de actividades formativas e investigadoras, pois destinar recursos á formación é o mellor investimento para o futuro da mocidade. Unha tarefa na que, apuntou, o campus de Ourense contará co apoio do goberno provincial.

O último convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense, que data de marzo de 2011, ascendeu á cantidade de 231.200 euros, cantidade que se destinou a desenvolver a intensa programación cultural do campus e a apoiar a mobilidade de estudantes e o traballo dos grupos de investigación ourensáns.