DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na xuntanza que mantiveron este martes o reitor e o presidente da institución provincial 

Universidade e Deputación avalían novas vías de colaboración

Reafirmaron a súa vontade de cooperar en eidos como a igualdade, o emprego ou a cultura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 05/03/2024

Analizar novas vías de cooperación entre Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra, avaliar os programas, froito da colaboración entre estas dúas institucións, que se atopan xa en marcha e estudar tamén plans de futuro de interese mutuo. Eses foron os obxectivos do encontro de traballo que na tarde deste martes mantiveron no Pazo Provincial o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Deputación, Luis López, no que participaron tamén as vicerreitoras do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.

Segundo informou a Deputación, o presidente da institución provincial amosou neste encontro a súa vontade de seguir cooperando coa Universidade en eidos como a igualdade, o benestar social, o fomento de emprego, a normalización lingüística ou a cultura, entre outros. Deste a institución provincial, sinalouse tamén a vontade de manter un contacto constante “co obxectivo de ofertar titulacións e actividades de interese para mellorar a formación dos estudantes da provincia”, á vez que fomentar a apertura da UVigo á cidadanía.