DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Areeiro, Lourizán, Misión Biolóxica e Escola de Enxeñaría Forestal integrarían un consorcio

Universidade e Deputación impulsarán unha rede de investigación forestal con proxección internacional

Coa participación do campus de Ourense, ambas institucións avanzarán nunha oferta formativa en Enolo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/07/2010

O desenvolvemento de proxectos en común nos ámbitos da formación académica e da investigación, centraron a primeira reunión que hoxe mantiveron no Pazo Provincial o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
A creación dunha rede que permita poñer en común o traballo que desenvolven os centros que operan en Pontevedra no ámbito da investigación forestal, foi un dos acordos acadados por Louzán e Mato que incidiron na importancia de harmonizar a actividade da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Escola Forestal de Lourizán, a Misión Biolóxica do CSIC e a Escola de Enxeñaría Forestal. A posta en marcha dun ciclo formativo en Enoloxía coa participación do campus de Ourense; a reactivación da transferencia da Escola de Enfermaría coa finalidade de constituír unha facultade con sedes nos diferentes campus e a participación da Deputación a través de accións específicas no Campus do Mar, foron as cuestións principais abordadas por Louzán e Mato no seu primeiro encontro.

En relación co Edificio das Artes, o reitor da Universidade de Vigo, afirmou que están pendente de reunirse co Concello de Pontevedra e con outras institucións para realizar unha análise que permita adoptar en tres ou catro meses unha decisión. En calquera caso Salustiano Mato apuntou que “aínda que imos apostar por este edificio, se os imponderables non nos permiten avanzar, hai que buscar alternativas”.

Think tank consorciado sobre investigación forestal

“Só con cooperación intelixente poderemos posicionarnos en Europa de forma clara, acadando un impacto que de xeito desmembrado non alcanzaríamos”. Esta é a idea sobre a que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, sustenta a creación dunha rede de traballo, ou think tank consorciado que harmonizaría a actividade que no ámbito da investigación forestal desenvolven neste intre a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, a Escola Forestal de Lourizán, a Misión Biolóxica do CSIC e a Escola de Enxeñaría Forestal. Unha idea que Mato trasladou ao presidente da Deputación de Pontevedra no seu primeiro encontro e da que Louzán destacou a súa importancia ao implicar “a sectores prioritarios da provincia. É importante harmonizar estes centros de investigación”, asegurou o presidente da Deputación de Pontevedra que apoiou a coordinación a través dunha plataforma única na que a través de reunións periódicas os centros poidan poñer en común o seu traballo.

Ciclo formativo en Enoloxía coa implicación dos campus de Pontevedra e Ourense

O compromiso de traballar en propostas de titulacións específicas de Enoloxía “mediante os activos que temos nos campus de Pontevedra e Ourense” , foi outro dos compromisos expresados polo reitor da Universidade de Vigo no seu encontro co presidente da Deputación de Pontevedra que agradeceu a disposición de Mato nunha cuestión “na que tanto traballou o sector nesta provincia, en especial nas Rías Baixas”.

Para o reitor “na Universidade de Vigo hai vimbios para desenvolver unha oferta formativa mediante a coordinación dos activos que temos nos campus de Ourense e Pontevedra, atendendo ao sector pioneiro da provincia de Pontevedra e os emerxentes de Ourense como Ribeiro, Valdeorras ou Ribeira Sacra”. Unha oferta formativa que, segundo o reitor, debe estar mergullada coa realidade do sector e que se materializaría a través das Escolas de Posgrao, contando ademais para a súa gobernanza e prescrición da oferta formativa coa participación do sector.

Creación dunha Facultade de Enfermaría con sedes nos campus

A transferencia da Escola de Enfermaría actualmente financiada pola Deputación Provincial, foi outra das cuestión abordadas no encontro de hoxe no que Louzán e Mato coincidiron na necesidade de que a Universidade integre este centro contando coa colaboración das consellerías de Educación e Sanidade. “Para a boa formación dos profesionais a Escola debe estar articulada pola Universidade”, dixo Louzán que tamén aludiu á participación en materia educativa das consellería de Educación e Sanidade.

Mato pola súa banda confirmou que a Universidade de Vigo debe estudar como integrar o conxunto das escolas de enfermaría adscritas “para constituír unha facultade con sedes nos diferentes campus”. Un proceso que segundo o reitor “nos permitirá mergullarnos en posBoloña e trae consigo unha esixencia de calidade nos estudos” e que avanzou esperan poñelo en marcha durante o vindeiro curso.

Aposta polo Edificio das Artes sen descartar outras alternativas e Campus do Mar

En relación co Edificio das Artes, o reitor da Universidade de Vigo, afirmou que están pendente de reunirse co Concello de Pontevedra e con outras institucións para realizar unha análise que permita adoptar en tres ou catro meses unha decisión. En calquera caso Salustiano Mato apuntou que “aínda que imos apostar por este edificio, se os imponderables non nos permiten avanzar, hai que buscar alternativas”.

Na reunión celebrada hoxe, Louzán manifestou ademais o seu apoio ao proxecto de Campus do Mar que destacou “é importante para a provincia porque é un elemento diferenciador respecto a outros campus”. Pola súa banda, o reitor invitou á Deputación a implicarse no proxecto a través de accións específicas como bolsas ou contratos laborais en prácticas. Ademais Mato manifestou a necesidade de harmonizar a presenza da Escola Naval Militar de Marín “porque a palabra mar abarca máis que acuicultura e pesca, senón temas relacionados coa defensa, as comunicacións ou a intelixencia loxística”, dixo Mato.