DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e José Luis Baltar reuníronse para analizar a relación entre ambas institucións

Universidade e Deputación de Ourense afondan nunha colaboración “incondicional e intelixente”

Ambos coincidiron na necesidades de traballar da man en temas estratéxicos coma o turismo

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
DUVI 20/07/2010

Unir forzas e traballar da man como ambas institucións veñen facendo dende hai anos. Esta é a aposta do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, tras a primeira reunión entre ambos que tivo lugar este martes. Os dous salientaron a estreita relación que une ás dúas entidades e que deu importantes froitos non só para a Universidade, senón tamén para o conxunto da sociedade ourensana e avogaron por “seguir desenvolvendo unha colaboración incondicional e intelixente”.

Baltar Pumar deu os seus parabéns ao reitor polo triunfo electoral e amosouse convencido de poder seguir na senda dun proxecto común entre o campus de Ourense e a Deputación. Neste sentido, Mato salientou que o ente provincial “sempre foi un aliado estratéxico e gran compañeiro de viaxe da Universidade neste campus e nos seus proxectos”, destacando entre eles a construción da biblioteca e da piscina do campus. Pola súa banda, Baltar explicou que “a Deputación ten postas moitas esperanzas no campus de Ourense” e declarouse aliado da Universidade “para todo aquel proxecto que nos presenten” ao tempo que expresou o seu optimismo polo resultado da xuntanza co reitor, “é o que máis me ilusionou no primeiro día”.

O turismo, obxectivo estratéxico

A actual situación económica non quedou fóra dos temas tratados nesta xuntanza e, tanto Mato como Baltar, subliñaron a necesidade de pensar “en colaboración intelixente” e en traspasar barreiras, para que os froitos do traballo conxunto cheguen á cidadanía e aos sectores produtivos, “ao tecido real”.

Entre as apostas de cooperación futura, o turismo ocupa un lugar de privilexio, como materia estratéxica. “Ourense pode ser a capital dun novo turismo”, apuntou o reitor referíndose ás características de vida de interior, “cun estilo marcado pola calma, a serenidade e unha oferta diferenciadora”. Mato amosou tamén o seu interese polo traballo en rede, implicando neste labor a todos os estamentos da sociedade cara un obxectivo común.