DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación da institución académica na Mesa Termal provincial

Universidade e Deputación de Ourense potenciarán a colaboración en termalismo

Este xoves reuníronse no campus Manuel Reigosa e Luis Menor

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Reitor
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 18/01/2024

O pasado mes de agosto as administracións provincial, autonómica e estatal crearon a Mesa Termal de Ourense, unha unidade de coordinación para impulsar a ampliación e a sostibilidade do sector termal na provincia. Tras anunciarse en novembro a incorporación a ela do campus de Ourense, este xoves reuníronse Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, co obxectivo de avanzar nas fórmulas de participación da institución académica neste novo órgano.   

A reunión tivo lugar no Edificio de Ferro universitario e nela tamén participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e José Juan Cerdeira, responsable de Benestar da Deputación de Ourense. Manuel Reigosa agradeceu a visita do presidente provincial e o convite a formar parte desta Mesa Termal. O responsable académico explicou que na UVigo “ademais da calidade á que aspiramos a todos os niveis na formación dos nosos egresados e na nosa investigación” está a “aspiración de formar parte do desenvolvemento de toda a provincia de Ourense”. Neste senso recalcou a súa convicción de que “as potencialidades que ten a Universidade teñen que estar ao servizo da cidadanía” e lembrou a disposición da institución académica “para facer todo o que estea na nosa man para que esta provincia ocupe o lugar que merece”. Así lembrou como o “termalismo xoga un papel moi importante no desenvolvemento das diferentes vilas e pobos de Ourense e hai que aproveitar esas capacidades que temos”.

Neste marco de traballo, afirmou Manuel Reigosa, “formar parte da Mesa Termal é moi importante para nós”, comprometéndose “dentro da nosa modestia a facer todo o posible para que os seus distintos proxectos se poidan desenvolver do mellor xeito posible”. A participación da UVigo neste órgano, dixo, “creo que é moi acaída e estamos  moi satisfeitos e agradecidos”, polo que amosou o seu desexo de que “sexa un primeiro paso moi positivo”. O campus de Ourense, lembrou o reitor, conta con posicións “moi relevantes” en investigación en ránkings internacionais como o de Shangai e vén de recibir a acreditación do seu proxecto de especialización arredor dos recursos hídricos Campus Auga. Por este motivo, apuntou a pertinencia de incorporarse neste momentos á Mesa Termal, tendo en conta que “os proxectos que teñen que ver coa auga termal son proxectos especialmente acaídos para as nosas capacidades dentro deste campus”.

Avanzar na parte de investigación dos proxectos

Pola súa banda, Luis Menor amosou a súa satisfacción por visitar o campus de Ourense, recalcando como “a Universidade é unha institución tremendamente importante nesta provincia”. Así, felicitou á UVigo “pola extraordinaria aposta que están facendo por este campus” e por ter acadado a acreditación do Campus Auga. O obxectivo da xuntanza celebrada este xoves, explicou, foi “dar continuidade a unha invitación que lle fixemos á Universidade no seu momento para a constitución da Mesa Termal”. Esta mesa, detallou o presidente provincial, é “unha mesa de coordinación que se puxo en marcha cun indubidable éxito a pesar da súa corta período de vida” e que ten como finalidade fundamental “coordinar todas as administracións, que son moitas e moi variadas, respecto dos proxectos termais, que son proxectos estratéxicos para a nosa provincia”.

A Mesa Termal, indicou Luis Menor, “está dando os seus froitos e avanzamos en moitos proxectos máis en poucos meses que nalgúns casos en anos, pero a esta mesa faltáballe unha guinda, unha guinda importantísima e que hoxe viñemos aquí a explicitar, que é a colaboración e a integración da Universidade”. A implicación da institución académica nela permitirá, tal e como puxo en valor o responsable provincial, avanzar na parte de investigación dos proxectos, lembrando que “a Universidade ten, ademais de especialistas en augas termais, especialistas en turismo, en dereito e en practicamente todas as necesidades que poida ter calquera proxecto”. Por este motivo, Luis Menor recalcou que “non podemos ter mellor socio que a Universidade nesta Mesa Termal. Esta incorporación vai a redundar dunha maneira moi positiva no desenvolvemento da mesa e dos proxectos” polo que quixo agradecer á UVigo que pase a formar parte dela e "agradecerlle a súa participación no desenvolvemento desta provincia nun sector estratéxico como é o termalismo”. Durante a xuntanza e no marco desta liña de colaboración en termalismo, tamén se acordou estudar a posible de apoiar a realización de traballos de investigación relacionados co sector termal nos municipios máis rurais no convenio anual que se asina entre as dúas institucións ou na súa convocatoria de axudas a grupos de investigación INOU-Campus Auga.