DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves asinaron un convenio de colaboración con esta finalidade

A Universidade e a Deputación de Ourense promocionarán o Grao de Turismo

As actuacións contemplan a posta en marcha de bolsas de estudo e unha campaña de publicidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 24/03/2022

A Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense asinaron este xoves un convenio de colaboración para a promoción do Grao en Turismo que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. As actuacións consistirán na posta en marcha de bolsas de estudo para este grao e nunha campaña de publicidade para atraer alumnado ao campus de Ourense. 

O convenio foi asinado no Pazo Provincial de Ourense por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Tras a sinatura, o reitor dixo estar "moi satisfeitos e agradecidos con este convenio" e destacou que "o turismo é importante para a comunidade autónoma, pero moi especialmente para a provincia de Ourense e os seus numerosos atractivos, sendo ademais sabedores do potencial que teñen os estudos de Turismo no campus de Ourense". Con este acordo, indicou o responsable académico, "imos dar a coñecer mellor un título de impresionante calidade e con moitas fortalezas para o alumnado, facilitando que se acheguen a estes estudos cunha axuda económica que será moi benvida e que fará que a titulación teña éxito en anos posteriores".

Pola súa banda, Manuel Baltar destacou que esta colaboración é "unha mostra máis desa alianza que mantemos coa Universidade, reforzando con este acordo a capacidade que ten Ourense como provincia eminentemente turística". O presidente da Deputación lembrou que esta nova liña de colaboración súmase á que manteñen ambas institucións desde hai anos para o financiamento de actividades no campus ourensán pero agora centrados "en potenciar o turismo tamén desde os estudos, desde o talento e desde o noso campus, que merece todo o noso esforzo". Un complemento, afirmou, para as accións que xa está a desenvolver a institución provincial neste eido. 

80.000 euros

O obxectivo do convenio é regular a colaboración entre Deputación e UVigo na promoción e fomento das actuacións relativas aos estudos universitarios no campus de Ourense, con especial referencia aos estudos do Grao de Turismo. Este novo acordo, dotado con 80.000 euros por parte do órgano provincial, súmase ao vixente de 220.000 euros e abarca, neste caso, a dotación de bolsas de estudo no Grao de Turismo e unha campaña de publicidade para atraer alumnado ao campus ourensán. O acordo expresa a vontade común de ambas institucións, dentro das súas competencias, de "colaborar no desenvolvemento de actividades que redunden en beneficio dos obxectivos expostos, da cidadanía, da provincia e, en xeral, de toda a sociedade ourensán".

O Grao de Turismo impartido na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, destácase no convenio asinado, ofrece ao seu alumnado “a oportunidade de adquirir coñecementos multidisciplinares, abarcando diversas áreas de estudo (economía, idiomas, xeografía, comunicación ou novas tecnoloxías), así como cuestións específicas (intermediación, aloxamentos, patrimonio, xestión de recursos turísticos...)”. A formación teórica, a mobilidade internacional e as prácticas en empresas e institucións turísticas proporcionan ao seu estudantado “unha visión internacional dunha industria innovadora e en constante cambio, unha aproximación real ao sector e unha valiosa experiencia á hora de enfocar o seu futuro profesional, constituíndo un conxunto de competencias e destrezas que lles dan acceso ao mercado laboral tanto en institucións públicas como privadas vinculadas ao turismo, xunto coa categoría de guía oficial de turismo en Galicia”.

Ourense Mobile Week 2022

Por último, o convenio asinado este xoves formaliza o apoio da Universidade de Vigo á iniciativa Ourense Mobile Week do ano 2022 e seguintes, participando na organización da mesmo. Neste senso, Manuel Reigosa salientou "o entusiasmo e ledicia" da institución académica pola súa participación neste evento, "tendo xa preparadas unha serie de propostas para facer achegas a unha iniciativa que aínda será máis exitosa que a primeira edición e que mobilizará a moita xente pola provincia".