DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O órgano provincial destinará 220.000 euros a actividades culturais e educativas no campus

Universidade e Deputación de Ourense renovan o seu convenio anual e crean o Observatorio Internacional do Medio Rural

Manuel Reigosa e Manuel Baltar destacan o carácter pioneiro da nova ferramenta posta en marcha

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 04/03/2019

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense veñen de renovar o seu convenio de colaboración anual polo cal o órgano provincial destinará 220.000 euros a actividades e programas culturais, deportivos e educativos do campus de Ourense ao longo de 2019. Aproveitando a súa sinatura, as dúas entidades anunciaron tamén a creación dun Observatorio Internacional do Medio Rural co que se pretende converter a Ourense en referente internacional nesta materia.

A sinatura do convenio e o anuncio da creación do observatorio tivo lugar este sábado no Pazo Provincial da Deputación de Ourense nun acto que contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, estando tamén presentes Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, e María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación.

Un observatorio pioneiro

Na reunión, o reitor da Universidade de Vigo e o presidente da Deputación de Ourense acordaron pór en marcha o Observatorio Internacional do Medio Rural para “visibilizar desde Ourense o gran potencial do rural no ámbito nacional e internacional” e no marco do plan de mandato do órgano provincial Ourense 7273. O reitor da Universidade de Vigo amosou a súa satisfacción pola posta en marcha deste observatorio, anunciando que unha das primeiras accións que realizará será a celebración en outubro deste ano no mosteiro de Oseira dun congreso internacional do medio rural “no que contaremos cos máis destacados especialistas neste sector”. “Hai que pór en valor o rural e coincidimos plenamente neste obxectivo coa Deputación de Ourense, e hai que conseguir que ese reto demográfico ao que nos enfrontamos teña solucións o antes posible”.

Pola súa banda, Manuel Baltar salientou como a posta en marcha desta ferramenta é “unha magnífica noticia porque non existe unha iniciativa semellante en toda Europa e iso significa que a provincia de Ourense será pioneira na investigación, análise e posta en marcha de iniciativas de vangarda a prol do medio rural”. “Cando se fale de Ourense, falarase de innovación no medio rural”, destacou o presidente do goberno provincial, engadindo como esta provincia “ten as mellores condicións para erixirse en protagonista neste ámbito”.

Apuntando como en Ourense existe unha “masa crítica importante de empresas, institucións e investigadores directamente vinculados ao medio rural”, desde as entidades promotoras do observatorio indícase que  “orientaremos os nosos esforzos para seguir potenciando iniciativas nesta liña”. Ademais, no convenio que se asinará para a súa posta en marcha contemplarase “un órgano deliberativo e participativo máis amplo, ao que se poderán adherir entidades e empresas e foros de ámbito nacional e internacional que queiran achegar solucións para o futuro do mundo rural”.

Convenio para actividades e programas

Polo que respecta ao convenio, este recolle como para o desenvolvemento de actuacións e programas en materia de cultura, educación e deporte ao longo do ano 2019 a Deputación de Ourense achegará á Universidade de Vigo a cantidade máxima de 220.000 euros. Esta contía destinarase a sufragar actividades como o programa de proxección universitaria e actividades culturais, que inclúe a Sala Alterarte, aulas e obradoiros, aulas de formación teatral, rutas culturais, coro universitario, cursos de verán, promoción da investigación sobre o Entroido, coordinación do traballo previo á redacción dos contidos dunha guía monumental da provincia de Ourense, o Curso Audiovisual da Fundación Carlos Casares, o concerto de Nadal, Portugués Perto, o curso de formación sobre didáctica da ficción e creación literaria e actividades que fomenten a igualdade e inclusión de todas as persoas. O acordo atinxe tamén ao programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus integrado no programa Erasmus e o programa específico de apoio a grupos de investigación Inou 2019.