DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Programa Europeo de Bolsas Internacionais oferta estancias e prácticas profesionais no estranxeiro

Universidade e Deputación de Ourense unen esforzos para facilitar a mobilidade dos titulados na Unión Europea

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 13/11/2008
O mundo laboral é cada vez máis competitivo e aos titulados cústalles atopar un traballo de calidade na situación actual. Pensando en mellorar as súas opcións de futuro o campus de Ourense en colaboración coa Deputación Provincial abren unha nova convocatoria do Programa Europeo de Bolsas Internacionais. O proxecto cofinanciado por fondos europeos oferta a posibilidade aos titulados universitarios de realizar unha estadía e unha práctica profesional en empresas ou organismos estranxeiros de países pertencentes a Unión Europea.
Este programa de axudas internacionais traslada ao ámbito local as competencias da Unión Europea no fomento da mobilidade a través do Programa Leonardo da Vinci e enmárcase dentro dos proxectos de mellora da empregabilidade que desenvolve a Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) da Deputación Provincial de Ourense. Segundo afirmou Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus “esta é unha vantaxe competitiva fundamental que teñen os alumnos ourensáns, xa que ningún outro campus de Galicia ten un número tan elevado de bolsas Leonardo da Vinci a súa disposición”.
O proxecto está concibido como un instrumento de políticas activas de emprego que propicie o incremento das posibilidades de inserción laboral dos que participen no programa, xa que a experiencia profesional internacional que reciban no estranxeiro será un elemento que mellore as súas posibilidades de acceso a un mercado laboral de calidade. Os principais obxectivos deste programa son mellorar as aptitudes e competencias individuais dos beneficiarios, mellorar a calidade e o acceso a formación continua e facilitar o aprendizaxe avanzado dunha lingua estranxeira.
O Programa Internacional preséntase pois como “unha oportunidade única para titulados, xa que van a traballar en empresas previamente seleccionadas e de recoñecido prestixio”, explicou o vicerreitor. Para os estudantes “é case unha obriga aproveitar esta ocasión, xa que os seus compañeiros doutros campus non teñen tantas posibilidades coma eles de participar no programa”, engadiu Gálvez.

Bases para solicitar as axudas

A convocatoria para participar permanecerá aberta ata o 19 de novembro e poderán presentarse aqueles titulados universitarios e estudantes de posgrao que teñan coñecementos do idioma oficial dalgún dos países membros da Unión Europea. As prácticas nas empresas desenvolveranse dentro do Espazo Económico Europeo e Suiza. Preferentemente, os destinos estarán situados en Alemaña, Austria, Bélxica, Eslovenia, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal e Reino Unido. A empresa na que se realizará a práctica profesional será escollida pola propia Deputación de Ourense e pertencerá ao mesmo sector económico que a titulación do beneficiario da bolsa. As axudas inclúen o financiamento da viaxe, o aloxamento, un seguro de enfermidade e accidente, unha dotación mensual en función do país de destino, axuda á manutención e un curso intensivo para mellorar o idioma de traballo. Ademais contan cun sistema de apoio a través dun titor no propio país de destino que se encargará de supervisar a realización da práctica durante toda a estancia do titulado e resolverá calquera conflito que poida xurdir durante os meses que dure o Programa Internacional.
A duración media do período de estancia e práctica profesional financiado será de 4 meses, tras os cales os participantes no programa obterán un certificado oficial de validez en toda a comunidade europea que acredita a súa estadía no estranxeiro.

A colaboración da Universidade

A Universidade de Vigo pon o seu gran de area neste proxecto encargándose de establecer as titulacións que participan no programa e de elaborar os criterios de selección dos participantes. Ademais “tamén se escolleron desde o campus de Ourense algunhas empresas para as prácticas que tiñan especial interese para as nosas titulacións”, rematou Gálvez.

Máis información no telefóno 988 385 191 ou na web.