DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Cátedra de Feminismos 4.0, á que a institución provincial destina 65.000 euros

Universidade e Deputación revalidan a súa alianza para combater a desigualdade de xénero no ámbito dixital

Entre as novidades figura o I Maratón de Creacións Dixitais Feministas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Investigación
  • Premios
  • TIC
  • Institucional
DUVI Pontevedra 28/06/2023

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra veñen de revalidar a súa alianza na Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada hai cinco anos co obxectivo de incrementar a presenza das mulleres nas áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e de evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital. A través dun convenio, a institución provincial destina 65.000 euros a unha cátedra que define como “un referente estatal á hora de abordar os novos cambios no ámbito dixital desde a perspectiva crítica feminista” e baixo a que se están a promover estudos feministas sobre a valoración da situación das mulleres e sobre a súa presenza nas áreas STEM. Entre as novidades dunha iniciativa coa que as dúas institucións buscan acadar a promoción da igualdade e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información, figuran o primeiro Maratón de Creación Dixitais Feministas, así como o lanzamento da revista científica Gender on digital. Así mesmo, o acordo abrangue tamén a convocatoria dunha nova edición das axudas para o financiamento de iniciativas de investigación con perspectiva de xénero e da cuarta edición dos premios GirlGeekPower, dirixido a estimular os estudos STEM entre as alumnas.

Creacións para responder aos machismos no espazo dixital

Unha das novidades que se incorpora neste 2023 ás actividades da cátedra é o I Maratón de Creacións Dixitais Feministas, que prevé facilitar un espazo para elaborar produtos artísticos feministas dixitais con licenza Creative Commons. Trátase, como explica a directora da Área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, “dun espazo de creación no que artistas destacadas, vinculadas á Universidade, que saíron da Facultade de Belas Artes, produzan nun tempo limitado contidos dixitais” que contribúan a “contrarrestar os contidos” da denominada manofesera, a comunidade de homes en liña que promoven o antifeminismo e o sexismo. Búscase nese senso xerar un novo recurso para darlle resposta ás agresións contra as mulleres e aos machismos no espazo dixital mediante linguaxes artísticas. 

Nese senso, Gómez sinala que despois de que a cátedra centrase o pasado curso boa parte da súa actividade na análise desa “esfera de misoxinia dixital organizada, este ano queremos ser proactivas”, de tal xeito que ademais deste maratón, tamén se outorgará visibilidade “ás creadoras feministas de contidos dixitais” na quinta edición do seminario Sociedade Dixital e Xénero: Hackeando o patriarcado, un encontro no que participan investigadoras, nacionais e internacionais, do ámbito das STEM e do feminismo. 

Axudas á investigación e premios ás alumnas STEM

O acordo entre ambas institucións abrangue tamén a convocatoria da quinta edición das axudas para o financiamento de proxectos de investigación con perspectiva de xénero, publicada nesta xornada. Cun prazo de presentación de solicitudes de dez días hábiles, a contar desde o seguinte a pubicación desta resolución reitoral, trátase dunha liña de axudas dirixidas a grupos de investigación dos campus de Pontevedra e Vigo. Ten como finalidade promover e potenciar a investigación no eido da cultura e da sociedade dixital en estudos feministas e estudos de xénero, así como reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á I+D no sistema universitario galego, polo que na súa resolución valorarase o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas. A convocatoria conta cunha dotación orzamentaria de 30.000 euros, dos que poderán destinarse un máximo de 6000 a cada proxecto seleccionado. 

Os proxectos poderán versar sobre temas e perspectivas epistemolóxicas e metodolóxicas feministas sobre a cultura e a sociedade dixital en torno aos contidos abordados nas titulacións impartidas nos campus de Pontevedra e Vigo. Estes deben concretarse nos seguintes temas: deseño de aplicacións, algoritmos, software ou videoxogos con perspectiva de xénero ou feministas; cibersororidade; analítica dixital e implicacións éticas da intelixencia artificial; o androcentrismo dos algoritmos e a perspectiva de xénero na web; os imaxinarios de xénero e o universo simbólico da rede; internet con perspectiva de xénero; o xénero nas redes sociais; o ciberactivismo feminista; as violencias de xénero nas redes; arqueoloxía dixital; agronomía dixital; arte e deseño dixital; o sexismo das redes sociais e das TIC; o hacker ético e feminista; a historia das científicas, programadoras e geekgirls; o feminismo na rede; as mulleres STEM ou a análise de datos sociais nas redes. 

Así mesmo, nestes días a Universidade publicará tamén a convocatoria da cuarta edición dos Premios GirlGeekPower, ata agora denominados GirlGeekCovid. O seu obxectivo é estimular, apoiar e promover os estudos STEM entre as alumnas das titulacións impartidas nos campus de Vigo e Pontevedra. 

Comité de Sabias e nova revista científica

Outra das novidades, apunta Goméz, “será a publicación do primeiro número da revista científica Gender on digital. Journal of Digital Feminism", que ten xa aberto o prazo de presentación de propostas. Como explica, cada número desta revista estará vinculado á diferentes edicións dos seminarios da cátedra e contará coas achegas das expertas participantes.

O comité científico desta revista e do seminario Hackeando o patriarcado estará integrado polo Comité de Sabias da cátedra, do que tamén está prevista a súa cuarta reunión. Á súa vez, este comité tamén desenvolverá propostas con perspectiva de xénero e outras actividades para promover espazos de reflexión que converxan nun produto científico que se difundirá posteriormente, segundo informou a Deputación.

Observatorio de machismo dixital

Outra das iniciativas é o Observatorio virtual de machismo dixital Stop Machitroles, onde as persoas poderán denunciar agresións, acosos, vexacións e calquera outro comportamento de carácter misóxino, machista ou sexista. Ao finalizar o ano, realizarase o terceiro informe, no que se dará conta das incidencias recollidas neste observatorio.

Por último, o acordo contempla tamén a reestruturación e mantemento da web da Cátedra de Feminismos 4.0, con contidos sobre as súas actividades, publicacións de interese ou información relacionada, así como outras actividades divulgativas da produción científica.