DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Distintos centros participan en Ourense no primeiro congreso galego sobre esta tecnoloxía

A Universidade desprega o seu potencial no puxante sector dos drones

Salustiano Mato expuxo a aposta estratéxica en formación e I+D+i que se está realizando

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 31/03/2017

Enxeñarías nos eidos de telecomunicación, aeronáutica, informática, industrial e minas e enerxía e liñas de actuación estratéxicas en formación, investigación, innovación e transferencia. A Universidade de Vigo está presente no I Congreso Internacional de Drones, que desde este venres e ata o domingo se celebra en Expourense, co obxectivo de visibilizar e dar pulo ao potencial que a institución académica está despregando neste emerxente sector. Os drones, subliñou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, na inauguración da cita, supoñen “unha grande oportunidade e desde a Universidade estamos preparados para aproveitala”.

Unha revolución que comeza

O Drones International Congress DIC Galicia'17 foi organizado pola Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións xunto co Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións co obxectivo de reunir en Ourense a profesionais, expertos e empresas relevantes no panorama estatal e internacional e potenciar así “un dos sectores máis en alza da comunidade galega”. A cita foi inaugurada por Salustiano Mato; José Manuel Martínez, presidente da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións; Íñigo Cuíñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo; José Javier Medina, decano do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións; Richard Vinuesa, vicepresidente da European Rotor Sports Association, e Enrique San Martín, xefe provincial de Ourense de Inspección de Telecomunicacións.

Durante a súa intervención Salustiano Mato salientou como o eixe triangular Vigo-Ourense e Lugo conforma “unha aposta estratéxica de desenvolvemento tecnolóxico de cuarta xeración en Galicia” do que forman parte os drones. O reitor fixo un repaso polas titulacións da Universidade de Vigo nas que se “está xerando talento e coñecemento” relacionado con este sector e polas liñas de actuación postas en marcha para traducir ese coñecemento en innovación e transferencia, citando tamén instrumentos como Atlantic, Gradiant e o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia. Dar músculo ao sector económico e empresarial e dar solucións ás necesidades da sociedade, apuntou, son a finalidade última destas actuacións. Destacando tamén esta transversalidade dos axentes que desde a Universidade de Vigo están chamados a participar no desenvolvemento deste sector, Íñigo Cuíñas subliñou como “na Universidade temos todo o ecosistema necesario” para contribuír desde a formación e a I+D+i ao auxe dos drones.

Sobre a potencialidade do sector, José Javier Medina subliñou como “os drones están para quedarse e aínda estamos na súa prehistoria”. O decano do Colexio Oficial de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións recalcou como estamos asistindo non á aparición dun novo aparello senón dun “novo concepto” que “nos levará a vivir nun mundo diferente”. Neste contexto, apuntou, “o gran desafío” vai ser traballar desde o mundo universitario e empresarial para que España aproveite esta oportunidade e para xerar servizos aos cidadáns. Neste panorama de expectativas, a cita inaugurada este venres en Ourense, explicou José Manuel Martínez, ten como obxectivo que se vexa que desde o sector das telecomunicacións, e neste caso concreto dos drones, “resolvemos problemas que afectan á vida diaria das persoas”, ademais de prestixiar o papel dos profesionais de telecomunicacións e fomentar as vocacións neste eido.

Desde Telecomunicación a Defensa

Trala inauguración, o congreso continuou cunha mesa sobre os usos e formación nas tecnoloxías RPAS para a xestión de datos, imaxes e as comunicacións. Entre outros relatores, interviñeron por parte da Universidade de Vigo Íñigo Cuíñas e Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Cuíñas recalcou como desde o eido da Telecomunicación “temos moito que dicir neste sector, sobre todo no que se refire á toma de datos, de información, de imaxes e da súa transmisión desde o drone á base. Aí estamos os teleco”. Pola súa banda, Arno Formella explicou as características do grao de Enxeñaría Aeroespacial iniciado este curso centrándose nos aspectos relacionados concretamente cos drones, como son as materias e as mencións. Durante a súa intervención tamén falou de como o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou recentemente a declaración de interese para crear o Máster en Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, en cuxo deseño se traballa na actualidade coa idea de que se poña en marcha no curso 2018/2019.

Alén desta participación no primeiro día de actividade do congreso, o sábado está previsto tamén a intervención por parte da Universidade de Vigo de Higinio González, que falará sobre o Cinae, o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, e o seu encaixe no sector dos UAS. Durante a súa intervención abordará a estratexia galega para o desenvolvemento de capacidades arredor dos drones e do papel nela do Cinae, fundado en 2015 pola Universidade de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Asociación Consorcio Aeronáutico Galego, Airbus Defence and Space, a Unión de Empresas Galegas de Aeronáutica e Industrias Delta Vigo.

Tamén participará nesta segunda sesión do congreso, José María Núñez, do Centro Universitario de Defensa de Marín, que falará aos asistentes das experiencias deste centro no desenvolvemento de aplicacións baseadas en UAVs para a armada, a través de proxectos multidisciplinares levados a cabo por un grupo de profesores enxeñeiros mecánicos e de telecomunicacións. Durante a súa intervención presentará tres proxectos vinculados a traballos fin de grao de futuros oficiais da armada que abranguen distintas vertentes do uso dos multicópteros.