DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato e Jesús Gamallo destacan a importancia de potenciar as macrorrexións

Universidade e Dirección Xeral de Relacións Exteriores achegan posturas no eido da internacionalización

Amosaron a súa intención de colaborar para a captación de recursos europeos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 06/06/2012
Da man e na procura de intereses comúns. Este será o camiño que sigan as universidades galegas e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para acadar maiores niveles de desenvolvemento, presenza e captación de recursos, especialmente en Bruxelas. Así o afirmaron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e director xeral, Jesús Gamallo, tras unha xuntanza na que avanzaron en todos os campos relacionados co proceso de internacionalización da institución académica. O obxectivo desta xuntanza, segundo explica o reitor, “é poñernos ao día en todos os proxectos que se pilotan dende a Universidade relacionados coas relacións exteriores e coa internacionalización, como o Campus do Mar, a incipiente de rede de campus de excelencia mariña, a CEI-Marnet, ou a Crusoe, Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo”.

O director xeral fixo unha valoración moi positiva da reunión e remarcou a importancia da colaboración entre as universidades e a Xunta de Galicia en materia internacional e destacou o papel da Universidade de Vigo, como represente das tres institucións galegas de educación superior no Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX). No tocante ao Campus do Mar, Jesús Gamallo fixo fincapé en todo o que o campus de excelencia pode achegar á Estratexia Atlántica, unha iniciativa europea que avoga polo desenvolvemento das rexións atlántica a través das potencialidades do mar.

Tras a xuntanza, Salustiano Mato subliñou especialmente a oportunidade de traballar conxuntamente entre coa Dirección Xeral para buscar “máis éxito e máis presenza en Bruxelas, impedindo que se nos escapen recursos europeos”. Esta liñas de colaboración centranse en tres aspectos: a inclusión, no documento conxunto que Galicia e a Rexión Norte de Portugal están a elaborar de cara ao novo escenario orzamentario 2014-2020, dunha estratexia de especialización intelixente no eido da I+D+i para acceder aos fondos estruturais e aos programas de financiamento a partir do ano 2014; no eido dos transportes, o apoio da Xunta de Galicia e o Campus do Mar á inclusión do Porto de Vigo como porto nodal na Rede Transeuropea de Transporte e a fixación de posicións diante da Estratexia Integrada para o Atlántico que impulsa a Comisión Europea.

O reitor e o director de Exteriores abordaron tamén os proxectos de cooperación ao desenvolvemento que, a medio de Cooperación Galega, está a executar o Campus do Mar. Trátase do proxecto de desenvolvemento sostible e seguridade alimentaria mediante acuicultura na comunidade campesiña de Santa Bárbara, Perú” e doutro proxecto sobre o fortalecemento da investigación e formación académica en Cabo Verde para favorecer un desenvolvemento mariño sostible.

A aposta pola Crusoe

Mato e Gamallo coincidiron na relevancia da Crusoe, Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo, o órgano que agrupa aos responsables das 18 universidades e institutos politécnicos que forman parte da Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo, Resoe, da que forman parte Galicia, Castela e León e o norte de Portugal. Esta primeira macrorrexión da península Ibérica conta cunha masa de 275.000 estudantes, unha mostra do seu peso específico e da súa unión de forzas. O director xeral de Relacións Exteriores apostou polo seu futuro e a súa capacidade dinamizadora da rexión e subliñou que súas liñas de traballo “son parellas aos intereses da propia Xunta de Galicia” en eidos como a sanidade, a enerxía ou o sector primario.

Entre os obxectivos iniciais da Crusoe, fundada no pasado mes de decembro, está a creación dun marco lexislativo e un plan estratéxico, onde se recollan as capacidades e obxectivos das institucións académicas, documento que será trasladado aos gobernos de España e Portugal e tamén ante instancias europeas, coa vista posta no programa Horizon 2020 que substituirá a partir de 2014 ao actual programa Marco de financiamento europeo. Para avanzar neste camiño, os membros da Crusoe teñen unha cita o vindeiro día 14 en Vigo, un xornada de traballo na que tamén se reunirá a Cruno, Conferencia de Reitores do Noroeste de España.