DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas persoas deste colectivo incorporaranse este curso a tarefas do campus

A Universidade e Down Ourense estreitan lazos para a inclusión laboral

Técnicos das dúas entidades reúnense para preparar a súa integración

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 14/09/2011
Conseguir experiencia laboral en tempos de crise é un reto difícil. Se ademais a persoa que busca emprego ten algún tipo de discapacidade a situación complícase aínda máis. Para contribuír á inclusión laboral de colectivos desfavorecidos, a Universidade de Vigo vén de asinar un convenio de colaboración coa Asociación Down Ourense que permitirá a dúas persoas con síndrome de Down acupar durante un cuadrimestre a un posto de traballo no campus. Este mércores técnicos das dúas institucións reuníronse para preparar a súa integración.

A iniciativa é froito dunha convocatoria de concorrencia competitiva que realizou a Universidade de Vigo á que diferentes entidades presentaron propostas para a integración de persoas con discapacidade no campus de Ourense. Trala avaliación dos proxectos presentados, unha comisión de expertos escolleu para a súa execución a de Down Ourense, destacando o alto nivel de todas as iniciativas presentadas. Esta elección formalizouse coa sinatura dun convenio de colaboración entre as dúas entidades que permitirá este curso o desenvolvemento dun programa conxunto encamiñado a fomentar a integración laboral de persoas con discapacidade intelectual.

Concretamente, o convenio permitirá a incorporación ao campus de dúas persoas para o desenvolvemento de determinadas tarefas, unha persoa durante o primeiro cuadrimestre no Servizo de Deportes e outra durante o segundo cuadrimestre na Biblioteca universitaria. Para coñecer e consensuar as necesidades do campus e dos futuros traballadores, este mércores reuníronse María Lameiras, vicerreitora do campus; Elena Vaamonde, Susana Rodríguez e Silvia Álvarez, representantes de Down Ourense, e técnicos do campus.

Experiencia enriquecedora para todos

“Todas as persoas teñen dereito á súa inclusión na sociedade e a universidade debe ser punta de lanza neste senso, contribuíndo na medida das nosas posibilidades á integración, neste caso laboral, das persoas con algún tipo de discapacidade”, salienta a vicerreitora do campus. Para materializar esta idea, as tres representantes de Down Ourense intercambiaron cos técnicos do campus información sobre as características e condicións das tarefas para as que se solicita a incorporación destes dous traballadores. Unha vez recadada esta información, a asociación será a encargada de realizar as entrevistas cos candidatos máis axeitados a estas demandas e propor a súa incorporación.

Aínda que é a primeira vez que se realiza a través dunha convocatoria competitiva, é o cuarto ano que se produce esta colaboración entre a Universidade de Vigo e Down Ourense, polo que desde as dúas entidades amosan a súa satisfacción e destacan o enriquecedor da experiencia para todas as persoas que participan dela. “É unha iniciativa moi positiva, que lles permite aos participantes cubrir unha praza na que son valorados polo seu rendemento e ser retribuídos acorde cos seus compañeiros de traballo”, apunta Elena Vaamonde.