DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concibido coma un manual sinxelo, contén máis de 5000 termos

A Universidade edita o primeiro dicionario galego-éuscaro e éuscaro-galego da historia

O seu autor, Isaac Fernández, é o único tradutor e intérprete directo de éuscaro a galego

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 17/11/2010
Carballo haritz, bolboreta tximeleta... ata agora había dicionarios galegos de inglés, francés, de italiano, español... pero non de éuscaro. Agora isto cambiou e a lingua galega dispón xa tamén dun dicionario galego-éuscaro e éuscaro-galego, un manual no que se recollen arredor de 5.000 entradas e outras tantas frases feitas e expresións típicas que permitirá a galegos e vascos “entendernos mellor e traducirnos mellor sen peaxes nin peneiras doutras linguas”, tal e como se sinala no propio libro.

“Hoxe é un día feliz para a Universidade”, admitía o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, ata hai uns meses director da Area de Normalización Lingüística, editora da obra. Referíase Costas a que unha lingua de futuro ten que dotarse das ferramentas que ten calquera lingua normal, “calquera lingua normalizada e normal ten que ter manuais para ser vertida a calquera outra lingua do mundo”, subliñou ao inicio da presentación do volume, un acto no que estivo acompañado polo autor do dicionario, Isaac Fernández, e o novo director da Área de Normalización Lingüística, Pablo Cabral.

Moi sinxelo de manexar e con apéndices nos dous idiomas, o volume está enfocado a axudar as persoas que por primeira vez se queren achegar a calquera destas linguas e pon de relevo, como sinalaba o autor que o éuscaro “sendo como é unha lingua illada, lexicamente é unha lingua moi románica, atopando incluso palabras que se din igual en ambos idiomas, caso, por exemplo, da palabra balea”.

De vocabulario básico a obra pioneira

Prologado polo poeta e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira, que acudiu tamén á presentación, e polo poeta vasco Harkaitz Cano, o dicionario recolle o traballo de varios anos de Isaac Fernández, ex-alumno da Universidade e profesor de éuscaro durante varios anos no Centro de Linguas, “se ben, eu máis ben diría que é o traballo dun repartidor de pizzas”, bromeaba o autor, en referencia a que “cando iniciei este traballo aínda non era filólogo, senón un simple estudante que ao tempo tamén traballaba”. Naceu, pois, coa idea de ser un vocabulario básico, e rematou converténdose nunha obra pioneira.

Fernández, lector de galego na universidade irlandesa de Cork, é o único tradutor e intérprete directo de éuscaro a galego e no seu haber conta xa con diferentes traducións, con autores que van dende Álvaro Cunqueiro, Méndez Ferrín ata, xa máis recentemente, Kirmen Uribe a quen lle traduciu a obra Bilbao Nova Iork Bilbao, publicada pola editorial Xerais.

Dúas linguas, dúas sociedades

A presentación do volume, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, serviu tamén para pór sobre a mesa as grandes diferenzas entre as dúas linguas reflectidas no dicionario, unha o éuscaro, “que cada día ten máis falantes e está presente en máis eidos e, o galego, que pouco a pouco se sitúa cada vez máis nunha situación de desvantaxe”, subliñaba Fernández, que apuntaba a que a principal diferenza reside na propia sociedade, “no País Vasco foi a propia sociedade a que fixo necesario falar éuscaro, non a administración”.

Fernández subliñou a importancia de como a sociedade vasca se foi dotando de proxectos e ferramentas “que lles permitisen ter o que eles querían ter, mentres que o noso erro foi confiar demais nas administracións”.