DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade Ednon TRC debuta en Vigo cunha contundente vitoria

O equipo B non puido xogar o seu primeiro partido de liga

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 20/10/2008

Dobre estrea para o equipo de rugby da Universidade. Trala derrota na primeira xornada de liga fronte ao Hernani, este sábado os mozos de Babini gañaron por un contundente 29-5 diante do Belenos de Avilés. Era o primeiro partido na casa e o debut non puido ser mellor, a bancada do campo da Universidade estaba ateigada e o Ednon TRC non defraudou agasallando ao público con bo xogo e un triunfo merecido.
O equipo local saíu dende o comezo con moita forza na procura da vitoria e de seguido adiantouse no marcador grazas á transformación de dous ensaios. A partir de entón o colexiado andaluz Ruíz Jiménez converteuse no protagonista do encontro favorecendo aos asturianos, que tiveron varias oportunidades de recortar diferenzas ante as cales o Universidade Ednon TRC se soubo defender. Tralo 14-0 do descanso, na segunda parte houbo máis do mesmo, de novo o árbitro castigaba aos nosos, pero estes resolveron os seus ataques ata o fin acadando o definitivo 29-5.
Polo Universidade Ednon TRC xogaron Gastón, Agustín, Iñaki, Josemari, Nacho Lobón, Iván Martínez, Paco, Guillermo, Mera, Arri, Cheste, Alberto, Mauro I, Iker e Mauro II. Na segunda metade entraron Gus, Xeve, Iván, Conti e Tito.
A próxima cita terá lugar o vindeiro domingo, día 26 de outubro. O encontro disputarase de novo no campo da Universidade de Vigo, desta vez en horario matinal, ás 11.15 horas, diante do equipo bilbaíno Durango.

O equipo B quedou sen debutar

Pola súa parte, o equipo B aínda non puido estrearse nesta tempada. O partido, programado para esta fin de semana en As Pontes, fronte ao Fendetestas non se disputou por mor da falla de servizo médico no terreo de xogo, unha condición, recollida na normativa, innata para a celebración do encontro. Deste xeito, o colexiado actuou correctamente impedindo o comezo do partido. Esperemos que na vindeira xornada, todo se cumpra e nada imposibilite o debut do equipo B.