DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universidade Ednon TRC volve este domingo á competición na División de Honra B tras unha pretempada invicto

O luns comezan tamén as xornadas de portas abertas de squash

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/10/2009
Nun bo momento de forma e a un alto nivel de rendemento, o Ednon Universidade de Vigo estrea este domingo unha nova tempada militando na División de Honra B do rugby nacional. Os universitarios remataron a pretempada invictos e, neste primeiro encontro terán a oportunidade de comprobar o seu estado de xogo actual medíndose ao Oviedo RC. O encontro desputarase o domingo no campus de Vigo a partir das 12.00 no que será a primeira toma de contacto coa competición oficial das novas incorporacións do club, Carlos de Cabo, fichado do Zalaeta da Coruña, Mariano Pereira e Leonardo Bulacio. O primeiro deles acadou un alto rendemento nos encontro xogados no verán, anotando varios ensaios e Pereira e Bulacio supoñen un importante reforzo para potenciar a dianteira.
As expectativas son alta neste comezo da tempada, ao que se presentan invictos tras varios partidos na pretemporada. O equipo realizou unha concentración en Ferrol co obxectivo de potenciar destrezas individuais e de conxunto, ao tempo que o corpo técnico traballou con especial interese o espírito de equipo. O resultado foi a vitoria ante o CRAT da Coruña por 26 a 15, o que achega aos xogadores novos folgos para comezar unha tempada máis na División de Honra B española, despois de rematar o pasado ano terceiros tras Gernika e Hernani.

Xornada de portas abertas de squash

A vindeira semana o Servizo de Deportes en colaboración co Club Vigo Squash pon en marcha unas xornadas de portas aberta co obxectivo de dar a coñecer a práctica desta disciplina deportiva. Dende o día 5 ata o 8 e, posteriormente do 13 ao 15, desenvolveranse clases de balde en dous niveis, un de iniciación e outro de perfeccionamento, abrindo así esta actividade a todos os públicos. O curso será impartido por monitores titulados pola Federación Española de Squash no Complexo Deportivo Universitario do campus de Vigo e inclúe todo o material necesario para a práctica deste deporte. As clases serán de 14.00 h a 16.00 horas e a inscrición debe tramitarse no enderezo de mail deportes@uvigo.es.