DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o director da Escola Galega de Administración Pública rubricaron o acordo

Universidade e EGAP unen forzas para a posta en marcha de varios proxectos conxuntos

A colaboración inclúe a edición conxunta de libros e a realización de cursos e seminarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/06/2012
Edición conxunta de libros e documentos de traballo, realización de cursos, xornadas e seminarios ou posta en marcha de proxectos de investigación entre Universidade de Vigo e Escola Galega de Administración Pública (EGAP) serán a partires de agora máis frecuentes tras a sinatura esta mañá en Vigo dun convenio de colaboración entre ambas entidades. O reitor, Salustiano Mato, e o director do EGAP, Pablo Figueroa Dorrego, foron os encargados de rubricar un acordo que permitirá intensificar o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador.

O reitor destacou a importancia de asinar este convenio xa que ofrece “paraugas e abrigo a toda a relación institucional que xa existía entre ambas institucións desde fai tempo”, unha relación á que se referiu como “alianza estratéxica”. No mesmo sentido se pronunciou tamén Figueroa Dorrego, que engadiu que o acordo permitirá incrementar a colaboración entre ambas institucións “tanto no eido xurídico-administrativo, como no das ciencias sociais e en todos aqueles nos que Galicia ten asumidas as competencias”. Ademais, o director da EGAP, destacou a importancia de que o convenio se asine nun intre de crise como o actual, “isto fai que adquira a categoría de “primordial”, xa que se trata de unir esforzos para conseguir un obxectivo común con medios cada vez máis escasos”.

As colaboracións irán máis alá do eido xurídico-administrativo

A sinatura do acordo afectará sobre todo á titulación de Dirección e Xestión Pública, “non en van o ADN da EGAP é formar aos mellores funcionarios e facer da administración pública unha profesión de futuro”, subliñou Mato, que fixo fincapé en que do acordo beneficiaranse tamén o resto de titulacións, “pois son tamén moi habituais as colaboracións da escola cos nosos xuristas e economistas”. Nesta liña, Figueroa Dorrego insistiu en que a EGAP non só imparte formación en materia xurídico-administrativa, “de feito podemos ofrecer formación de fitopatoloxía”, subliñou o director da escola para exemplificar así a variedade temática que se abarca. “Poño un exemplo veterinario porque tamén nesta temática a comunidade autónoma ten competencias, igual ca en moitas outras e, por tanto, a nosa obriga tamén é formar fitopatólogos ou axentes forestais para loitar contra incendios”.

Pablo Figueroa Dorrego aproveitou a súa visita á Universidade para subliñar o “importante” papel da EGAP como centro de docencia, de investigación e de divulgación de todas aquelas materias que sexan de interese para o persoal das diferentes administracións públicas galegas. Concibida pois a modo de escola, esta entidade xurdiu para dar resposta a necesidade de consolidar e modernizar a Administración xurdida da configuración de Galicia como Comunidade Autónoma e, dende entón, traballa para lle proporcionar á sociedade galega os mellores servizos, un labor para o que agora contará co apoio da Universidade de Vigo.