DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade embárcase na organización do I Trofeo Interuniversitario de Remo

Celebrarase no mes de maio en Tui entre as seis universidades da Eurorrexión

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 21/10/2009

O río Miño substituirá ao Támese e as tripulacións de Cambridge e Oxford deixarán paso a remeiros das universidades de Vigo, Santiago, A Coruña, Porto, Alto Minho e Tras os Montes na celebración do I Trofeo Interuniversitario de Remo.
Deste xeito, a Eurorrexión trata de afianzar a relación entre as universidades parceiras e recoñecer deste xeito a potencia de Galicia e o norte de Portugal na práctica do remo de banco móbil, e da súa modalidade estrela, o oito con timonel. Cada institución preparará, dende agora e ata o mes de maio, cando se celebrará a proba, un bote formado por unha tripulación mixta que deberán medirse en dúas regatas, de 500 metros e 1000 metros. A primeira delas, a xeito de sprint, desenvolverase pola mañá e a segunda pola tarde, visibilizando “a función simbólica do río Miño non como elemento separador senón para unir Galicia e o Norte de Portugal”, explica a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza.
Así, a elección deste deporte permite implicar ao propio río como un actor principal para simbolizar esta unión e responde tamén á tradición universitaria que vincula este deporte co eido educativo, polo que Cabeza salienta a “aposta pola paridade en botes mixtos”. Con todo, xa que as universidade non contan con equipos de remo xa formados, a partir de agora queda buscar aos deportistas e segundo a vicerreitora “tentar potenciar este deportes entre a comunidade universitaria”.

Primeiros pasos para a organización

Na organización deste trofeo toman parte, xunto coas seis universidades, a Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), cuxos representantes se reuniron esta semana no Concello de Tui para determinar as liñas futuras de traballo. Na xuntanza tomou parte tamén o director xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete e o alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha. Na reunión pechouse unha probable data de celebración, o 22 de maio, buscando a maior participación posible, tanto de deportistas como de público.
No que respecta á Universidade de Vigo, conta coa experiencia previa de ter organizado o pasado ano o Campionato de España Universitario de Remo, polo que as achegas que pode ofrecer a este evento poden ser de moita axuda para o comité organizador. Ademais, contarase coa colaboración da Federación Galega de Remo e buscarase a implicación da Federación Portuguesa , estando xa confirmada dende a FCEER a cooperación con Caixa Galicia, Augas de Mondariz, Pescanova, Rei Zentolo e a TVG, que retransmitirá a regata. Agora, segundo explicou a vicerreitora, queda por diante estreitar lazos con Portugal e buscar a implicación das súas institucións públicas.

Máis aló dun acontecemento deportivo

Ademais da celebración da regata, esta iniciativa pretende converterse nunha cita anual para as comunidades universitarias de ambas beiras do río nunha xornada lúdica e festiva na que o deporte se complemente con exhibicións de teatro, danza e exposicións, actividades que se desenvolveran entre as disputa das dúas regatas. A idea é converter a regata nunha desta de despedida do curso, no mes de maio, antes do comezo dos exames.
A organización do I Trofeo Interuniversitario de Remo é un paso máis na colaboración que as seis universidades da Eurorrexión manteñen dende o ano 2000 e, segundo os organizadores, “con esta iniciativa conxunta trátanse de establecer pontes humanas e de experiencias compartidas entre Galicia e o Norte de Portugal".
Pola súa banda, o alcalde da vila, Antonio Fernández Rocha, amosouse satisfeito porque Tui vaia acoller “un evento desta relevancia”, brindando a colaboración do Concello poñendo a disposición da organización as instalacións do Centro Interfederado de Remo e Piragüismo.