DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actos de benvida en case todos os centros

A Universidade empeza o curso 2008/2009 con 2195 estudantes matriculados nas titulacións con límite de prazas

Facilítase a asistencia a clase dos alumnos que realizaron o selectivo en setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/09/2008
As 27 facultades e escolas que a Universidade ten nos tres campus iniciaron hoxe o curso 2008/2009 con 2195 estudantes matriculados nas titulacións con límite de prazas. Das 3105 prazas que se ofertaron queda libre un 29% correspondente a 24 titulacións de Ourense, Pontevedra e Vigo.
O número de preinscritos na Universidade de Vigo é moi similar ao do curso pasado, computándose a inicios de setembro cinco matriculados máis ca nas mesmas datas do 2007.

24 titulacións con vacantes

O campus que conta con máis titulacións nas que os estudantes poden matricularse é Vigo, con quince títulos abertos: Tradución e Interpretación Galego-Inglés, Tradución e Interpretación Galego- Francés, Bioloxía, Economía, Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación, Enx. Téc. de Telecomunicacións en Son e Imaxe, Enx. Téc. de Telecomunicacións en Sistemas de Telecomunicación, Ciencias Empresariais, Dereito (rama Económico-Empresarial) e Enxeñaría Técnica Industrial nas especialidades de Electricidade, Electrónica Industrial, Mecánica e Química Industrial.
A estas titulacións hai que sumar as de matrícula inmediata e as titulacións propias da Universidade de Vigo: Graduado Universitario en Información Técnica do Medicamento, en Ourense; Deseño Téxtil e Moda en Pontevedra e Ciencias Policiais e Detective Privado en Vigo.
No caso de Ourense son seis as titulacións con límite de prazas nas que aínda se pode formalizar a matrícula: Traballo Social, Educación Social, Turismo, Educación Infantil, Educación Primaria e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión.
En Pontevedra quedan vacantes na licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, na titulación en Mestre en Educación Musical e no novo grao en Belas Artes.

Coa mirada en Belas Artes e Química

Precisamente Belas Artes será a gran protagonista este curso, pois é a primeira titulación en adaptarse ao novo sistema de Boloña. Co novo modelo europeo pasa dunha duración de cinco a catro anos e a ter contidos máis xerais, xa que a especialización farase a través dos posgraos.
“Aproveitamos para facer unha reestruturación na organización dos contidos, incluímos algunhas cuestións que se botaban en falta e modificamos outras, fomos moi críticos co anterior plan e creamos un proxecto que creo que é moi bo”, en palabras do decano da facultade, Ignacio Barcia.
A outra gran protagonista será a Facultade de Química, onde se vai implantar un Programa de Promoción do Plurilingüismo polo que se impartirá un terzo da docencia en galego, un terzo en castelán e un terzo en inglés. Para Luis Muñoz, decano do centro,“trátase de favorecer a aprendizaxe de competencias lingüísticas nos tres idiomas e de que quen queira poida aprender química en inglés sen que lle custe máis, sen avaliar o inglés, senón a química que sabes ou non sabes”.

Á clase antes de matricularse

Coa finalidade de que todo o alumnado de novo ingreso teña as mesmas oportunidades, a Universidade facilita que aqueles estudantes que realizaran o selectivo en setembro acudan a clase da titulación que desexen cursar dende o primeiro día, sempre e cando conte con prazas vacantes.
Para isto os interesados deben contactar co director ou decano responsable do centro, que será o encargado de explicarlle como asistir en condición de ouvinte a todas as clases, de xeito que se evitará que ningún alumno perda días por realizar o selectivo en setembro.

Coñecer a UVigo en sete minutos

Para aqueles estudantes que aínda non teñan decidido a opción pola que se van decantar a Universidade colgou da súa web un vídeo de presentación da institución no que en sete minutos se poden facer unha clara idea do que ofrece a universidade viguesa. Editado en galego, castelán, inglés, francés e alemán a peza explica de xeito sinxelo que é e que se fai en Vigo, Ourense e Pontevedra.

Prazos de matrícula

Os alumnos que realizaran a pasada semana a selectividade coñecerán as cualificacións este venres e terán do 29 ao 1 de outubro para preinscribirse nas titulacións con límite de prazas. No caso daqueles que queiran matricularse en titulacións que non teñen límite de prazas poden facelo ao longo de todo o mes de setembro e ata o 24 de outubro.