DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No "Foro Chaves da Economía Galega 2010" organizado polo grupo Rede

Universidade, empresa e prensa: análise a tres da economía galega

O xoves 23 e o venres 24 no Mosteiro de Santo Estevo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/09/2010

Convocados polo grupo de investigación Rede da Universidade de Vigo, empresarios, xornalistas e economistas, compartirán durante dous días no Mosteiro de Santo Estevo reflexións sobre a economía galega coa finalidade de formular propostas que arroxen luz sobre cuestións que os organizadores consideran de gran importancia como son os clusters; a internacionalización da economía; as restricións de crédito e os orzamentos da Xunta de Galicia. “Son temas importantes para a economía social galega”, asegura Santiago Lago, organizador do Foro Chaves da Economía Galega 2010, “pero que ademais están no debate público como é o caso dos orzamentos da Xunta ou as restricións de crédito”.

Directivos de empresas como o Grupo R, Blue:sens, Banco Pastor, APD Noroeste ou Jealsa, tomarán parte nas sesións que se celebrarán a porta pechada xunto a xornalistas dos principais grupos de comunicación de Galicia e docentes e investigadores das universidades de A Coruña, Santiago e Vigo. Co patrocinio do grupo Pérez Rumbao, da Universidade de Vigo e do grupo Rede, esta iniciativa pioneira en Galicia nace segundo Santiago Lago, “con clara vocación de continuidade para convertese nun foro estable no que sexa posible mesturar universidade, empresa e prensa para debater e tirar conclusións sobre os desafíos da economía galega”.

Desenvolvemento das sesións

Cada un dos catro temas elixidos para este primeiro Foro Chaves da Economía Galega 2010 será exposto por dous analistas nun tempo máximo de 30 minutos, e 10 minutos de retruque por outro analista, para despois abrir un debate duns 80 minutos. Así, Xosé Manuel García, María Quintás serán os analistas que intervirán na primeira sesión do xoves 23 titulada Clusters, Innovación e políticas de apoio empresarial e na que Edelmiro López actuará como comentarista. Xa pola tarde Manuel Lago Peñas e Albino Prada serán os analistas na sesión titulada Internacionalización da economía galega. A Eurorrexión que contará con Fernando González Laxe como comentarista.

As restricións de crédito a empresas e familias galegas: dimensión do problema e algunhas solucións, abrirá as sesións do venres co análise de Víctor Montes e Xan Facal e José Antonio Redondo como comentarista. O foro pecharase abordando Os orzamentos da Xunta de Galicia coa análise de Santiago Lago e Alberto Vaquero e os comentarios de Xaquín Álvarez.

En memoria de Manuel Rodríguez de la Fuente

Falecido o pasado mes de maio, o xerente do Grupo Cuevas e presidente da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas, o nome de Manuel Rodríguez de la Fuente, irá vinculado a este primeiro Foro Chaves de Economía Galega que pretende así homenaxear “ao noso gran socio no mundo empresarial”, segundo Santiago Lago. Rodríguez de la Fuentemantiña unha estreita vinculación coa Universidade de Vigo da que foi vicepresidente do Consello Social e profesor invitado nos distintos mestrados que se imparten na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.