DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense

Universidade e empresas inician un programa pioneiro de apadriñamento de alumnado

Coa participación do Grupo Cuevas, Caldaria Termal e Modera Media

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 04/10/2012

“Un fito no modo de relacionarnos desde a Universidade coas empresas”. Así definía Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, a importancia que ten a posta en marcha na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense dun programa de apadriñamento de alumnado por parte de empresas. A iniciativa, presentada este xoves, comezará este ano coa participación do Grupo Cuevas, Caldaria Termal e Modera Media e dela beneficiaranse tres estudantes de último curso. “A importancia desta acción non é o seu montante económico senón o cambio de cultura que supón para as relacións entre a Universidade e a contorna económica”, advertiu o reitor.

O programa foi presentado despois da sinatura dun convenio de colaboración educativa entre cada unha das empresas participantes e a Universidade de Vigo e contou coa participación de Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas; Francisco Javier Soto, director xerente de Caldaria Termal, e José Manuel Regueiro, administrador de Modera Media, ademais de estar presentes María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Elisa Alén, decana da facultade ourensá. “Na Universidade de Vigo traballamos para seguir mellorando cada día e para crear mecanismos reais que fagan tanxible a relación entre o sector privado, a Universidade e os seus estudantes e este programa, pioneiro en Galicia, camiña nesta liña”, destacou Salustiano Mato.

Unha empresa para cada grao

Cada unha das empresas apadriñará a un alumno ou alumna de último curso dun grao da facultade afín á súa actividade económica. Deste xeito, o Grupo Cuevas apadriñará un estudante do Grao en Administración e Dirección de Empresas; Caldaria Termal un do Grao de Turismo e Modera Media un do Grao de Consultaría e Xestión da Información. Realizarase unha convocatoria pública para o estudantado interesado na que se indicará o número de bolsas e as condicións do proceso de formación e selección de cada caso.

No rol de padriño, cada empresa prestará axuda ao seu estudante na resolución de dúbidas relacionadas coa profesión e co futuro laboral e daralle apoio práctico á teoría que o alumno ou alumna recibe nas aulas universitarias. Tamén facilitará a realización de practicas na empresa, arredor de 300 horas, e motivará que o traballo fin de grao teña relación coa actividade da empresa. Ademais, os elixidos recibirán o importe equivalente á matrícula do curso 2012/13. “A bolsa de apadriñamento é unha iniciativa que pretende en definitiva facilitar ao estudantado o contacto coa realidade empresarial desde unha etapa temperá”, apuntou Elisa Alén.

Os representantes das tres empresas coincidiron en salientar a importancia da colaboración entre a Universidade e o sector privado para beneficio mutuo e da sociedade. “Unha crise económica non pode ser unha crise de ánimo, de ideas e de ganas de emprender. Temos que ser capaces de ilusionar á nosa xuventude”, destacou Artur Yuste. “As xeracións que no futuro xestionarán as nosas empresas están hoxe formándose e temos a obriga de implicarnos, de darlles saídas, de recompensalos e de motivalos”, apuntou Francisco Javier Soto. “Entre todos temos que rachar as estatísticas desta crise”, engadiu por último José Manuel Regueiro.

Visita ao novo aulario

Alén da presentación do programa, as autoridades académicas aproveitaron a visita á Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo para coñecer o novo aulario do centro. Construído sobre a cafetería do Edificio Xuridico-Empresarial, este anexo permite á facultade dispor de cinco novas aulas, cada unha delas con 45 metros cadrados e capacidade para 20 alumnos. A instalación, duns 225 metros cadrados, permite modular os espazos, xa que a división das mesmas se proxectou cun deseño versátil e eficiente para aumentar ou diminuír o espazo en base ás necesidades de cada momento. “Nos tempos nos que estamos, en cuestión de obras damos prioridade ás que dean resposta ás demandas do novo sistema do EEES, que require espazos pequenos para grupos pequenos. O tempo das aulas xigantescas xa rematou”, salientou Salustiano Mato.