DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor do campus sinalou que segue a ser prioritario tras a xuntanza da comisión Concello-Uni

A Universidade encargará o proxecto do Edificio das Artes en canto se asine o convenio de cesión dos terreos

Trataron tamén como prioridades a humanización do campus e a cesión da residencia da ONCE

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 26/02/2010
A humanización do campus, a cesión do edificio da residencia da ONCE e a cesión do terreos de Tafisa para o Edificio das Artes, foron as tres cuestións tratadas na reunión mensual da comisión Concello-Universidade para proxectos comúns celebrada este venres. No caso concreto do Edificio das Artes, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, manifestou que segue sendo un obxectivo "prioritario e fundamental para darlle saída ás titulacións existentes de Belas Artes e Deseño Téxtil e Moda, e, sobre todo, para acoller posibles titulacións novas”. Hernández sinalou que “a Universidade está disposta a comezar co proxecto o antes posible, en canto se asine o convenio de cesión dos terreos”. Explicou que nos orzamentos deste ano está reservada unha partida de 440.000 € para encargar a elaboración do proxecto, “un primeiro paso fundamental”, indicou, “pois sen proxecto non se pode facer o edificio”. O vicerreitor manifestou a disposición da Universidade da construilo e asegurou que “temos présa por comezar, polo que o diñeiro xa o buscaremos cando faga falta”, concluíu.
Pola súa parte, a concelleira de urbanismo, Teresa Casal, informou na reunión da aprobación inicial da modificación dos terreos no último pleno municipal por unanimidade de todos os grupos, o que, segundo afirmou, “significa que a aprobación provisional se efectuará en tres meses, aos que haberá que sumar outros tres para que a Xunta realice a aprobación definitiva. Con isto por parte do Concello todos os pasos están dados, polo que a parcela xa se pode ceder en calquera momento”, sinalou Casal.

Humanización do campus

No relativo á humanización do campus a concelleira de Urbanismo destacou que “foi un dos temas introducidos como suxestión no novo Plan Xeral”, que “xa se reuniron os técnicos do Concello e da Universidade para tratar de poñela en marcha” e que “agora toca falar con Carreteras del Estado, porque afecta á avenida de Compostela”. Teresa Casal destacou tamén o interese de ambas partes por levar adiante este proxecto, que daría servizo tanto ás facultades do campus coma aos centros educativos, instalacións deportivas e demais institucións presentes na zona.
“Queremos construír unha vía cuberta desde a ponte de Santiago ata o último edificio do campus, que será a gardería, co obxectivo de que non sexa preciso usar ningún medio de transporte con motor e se poida facer a pé ou en bicicleta tendo en conta as condicións meteorolóxicas de Pontevedra”, explicou o vicerreitor do campus. Neste caso está orzamentada unha partida de 500.000 euros para o desenvolvemento da primeira fase. “Este proxecto estivo parado moito tempo debido aos procesos administrativos, que son longos e lentos, polo que é agora cando vemos que podemos comezar a traballar nel para construír un espazo máis agradable”, destacou Hernández.

Adecuación da residencia da ONCE para o seu uso en 2011

En relación ao estado da tramitación da permuta dos terreos e os edificios da ONCE ao Concello, “está moi avanzada”, segundo a concelleira de urbanismo, e a raíz da reunión mantida recentemente cos representantes xurídicos desta organización, Teresa Casal calcula que a cesión temporal de uso da residencia á Universidade podería efectuarse no mes de maio. “Estase levando adiante a segregación xurídica deste edificio e se está lista en maio poderíase asinar o convenio, se non, de todos os xeitos asinaríamos un protocolo para que a Universidade poida facer uso del canto antes”, afirmou Casal.
Isto adía as previsións iniciais para poder poñer en marcha a residencia de cara ao vindeiro curso. “Segundo a valoración dos técnicos da Vicerreitoría, tanto da arquitecta como do aparellador, habería que facer unha intervención en toda a fachada por mor das humidades detectadas, que tamén repercuten no interior do edificio”, explicou o vicerreitor. Así mesmo, a Universidade quere habilitar a planta baixa para servizos comúns de todo o campus, o que supón tamén unha remodelación importante. O edificio require, polo tanto, dunha obra de adecuación de envergadura que fai imposible telo listo en setembro, con só tres meses dispoñibles desde a data prevista para a sinatura do convenio. “En función disto, agora o noso obxectivo é poñer a residencia en funcionamento para o verán de 2011”, salientou Jesús Hernández. Con todo, concentrarán o esforzo na posibilidade de poñela en funcionamento no segundo cuadrimestre do vindeiro curso, coincidindo coa chegada de novo alumnado erasmus ao campus. “A residencia ten unha capacidade moi interesante mesmo para acoller alumnado estranxeiro, que sempre ten dificultades para atopar aloxamento na cidade”, dixo ao respecto o vicerreitor.