DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e EnergyLab colaboran formando profesionais na enerxía xeotérmica

Nun curso que inaugurou hoxe o director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/11/2009

A enerxía xeotérmica é aquela que se extrae do potencial calorífico contido no interior da terra e, como tal, é unha das fontes de enerxía renovables pola que se está a apostar para substituír as existentes de acordo a un modelo de desenvolvemento sostible. Neste proceso é necesaria unha firme aposta pola investigación nestas tecnoloxías e na formación de profesionais que sexan quen de sacar un rendemento óptimo destas instalacións. Para isto, a Universidade de Vigo e o centro tecnolóxico EnergyLab colaboran na organización do curso Deseño e instalación de sistemas con bomba de calor xeotérmica que foi inaugurado hoxe polo reitor, Alberto Gago, Elena González, directora xeral de EnergyLab e o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces.
Esta actividade formativa confirma a aposta das tres institucións, tras a sinatura hai dúas semanas dun convenio coa Consellería de Economía e Industria para a instalación de tecnoloxía xeotérmica en diferentes edificios –escolas infantís, vivendas, centros de saúde...- coa finalidade de impulsar o liderado de Galicia no eido das enerxías renovables. A Biblioteca Central da Universidade será unha das beneficiadas e contará en breve cun sistema de climatización baseado en bombas de calor xeotérmicas, o que suporá á institución un aforro de 9500 euros anuais na factura enerxética, deixando de emitir á atmosfera 34 toneladas de dióxido de carbono ao ano.

A necesidade de especialización

O obxectivo deste curso é a formación dos especialistas e profesionais na instalación das bombas de calor xeotérmicas “para que estas instalacións en Galicia sexan de excelencia”, explicou a directora de EnergyLab, que destacou a importancia de difundir e formar sobre esta enerxía “de cara á eficiencia enerxética”. Segundo o reitor, esta é unha mostra máis da aposta da Universidade de Vigo pola transferencia de coñecemento, “coidando a investigación básica pero sobre todo a aplicada“ e agradeceu que “nos convertades en divulgadores desta innovación enerxética, xa que no futuro seredes vós os demandantes, como profesionais do sector, de I+D+i nesta materia”.
Pola súa banda, o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, salientou a aposta da Xunta de Galicia polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética que se verá plasmada nunha planificación que agora se atopa “sometida a trámite de avaliación ambiental e estratéxica”. Esta planificación 2010-2015 está, segundo explicou “inspirada en tres principios: asegurar o abastecemento enerxético da Comunidade Autónoma, garantir que a actividade sexa respectuosa co medio e conciliar a estratexia coa da Unión Europea e coa do goberno español”, ao que acusou que desenvolver unha “política errática”.
De cara ao 2015, Tahoces explicou que a Xunta persigue o obxectivo de “conseguir que a enerxía eléctrica proveña de fontes renovables, no que xoga un papel especial a enerxía xeotérmica”. Neste sentido, destacou a necesidade de xerar un mercado relativo ás bombas de calor e abaratar os seus custes así como difundir entre empresarios e cidadáns as vantaxes desta enerxía e desenvolver o I+D+i.
Sobre o convenio asinado hai dúas semanas para a instalación deste enerxía, destacou que un plan que instale enerxía xeotérmica en todos os centros públicos de Galicia “aforraría 10 millóns de euros ao ano e 52.000 toneladas de emisións evitadas ao ano”.

O calor da terra

A primeira das ponencias deste curso, que se estenderá de xeito intensivo ata o venres día 5, correu a cargo do catedrático da ETS de Enxeñaría de Minas, Enrique Orche que fixo unha aproximación ás características deste tipo de enerxía. Segundo explicou, “o gradiente xeotérmico cambia en función dos lugares e da profundidade” e apuntou que hai puntos do planeta, que podemos denominar zonas quentes, “que podemos situar nos límites das placas tectónicas”.
Sobre o aproveitamento, explicou aos asistentes que se pode facer a través da calor da auga subterránea ou ben a través da calor do terreo seco, para o que hai que empregar técnicas e instalacións diferentes, entre elas as bombas de calor xeotérmica. “Son recursos importantes, repartidos por todos os continentes que se empregan, no 50% do casos para producir enerxía eléctrica e, no outro 50%, para a utilización directa do calor”, pero a potencia instalada a nivel mundial é ínfima. Segundo apuntou Orche, hai, segundo datos de 2007, 10.000 megavatios a nivel mundial e “para facernos unha idea, as centrais de As Pontes e Meirama teñen, só entre as dúas, 2000 megavatios”, polo que queda moito camiño por percorrer e moito I+D+i que desenvolver, para o que fan falta profesionais formados e especializados, labor para a que este tipo de cursos son fundamentais.