DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunión da comisión da Cátedra Almirante Álvarez Ossorio

Universidade e Escola Naval consolidan o intercambio de alumnado e de profesorado

Estudantes de EE Telecomunicación e de EE Industrial poderán coñecer in situ os avances tecnolóxicos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 05/07/2011

“Unha liña de traballo e de cooperación que se consolida”. Con estas palabras definiu Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, o resultado das actividades amparadas baixo a Cátedra Almirante Álvarez Ossorio neste curso 2010-2011. Na xuntanza deste martes os membros da comisión da cátedra salientaron especialmente as relacións de intercambio de alumnado e de profesorado producidas entre a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín, “que se van a seguir fomentando no vindeiro ano para sacarlle o máximo proveito a esta colaboración”, engadiu a vicerreitora.

Á reunión acurdiron todos os membros da comisión da cátedra, entre os que se encontraban, por parte da Universidade, a vicerreitora Antonia Blanco; Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; Luis Piñeiro, da Escola de Enxeñería Industrial, e José María Pousada, director do Centro Universitario de Defensa (CUD). A Escola Naval estivo representada polo seu director, Marcial Gamboa; por José Gabriel Martínez Ratero, director da cátedra; polo xefe de estudos José María Núñez Torrente e por Ricardo San Juan e Santiago García. O principal obxectivo desta xuntanza foi “a de fortalecer lazos”, definindo convocatorias de mobilidade de profesorado e de alumnado “entre a Escola Naval e as Escolas de Enxeñaría Industrial e de Telecomunicación”, explicou Blanco. Así, se no curso 2010-2011 20 alumnos da Escola Naval xa visitaron o campus vigués, “no ano 2011-2012 queremos que se amplíe o número de estudantes e que os nosos poidan aproveitar as instalacións e os avances tecnolóxicos da Armada, vivindo in situ todo o que se está avanzando nese eido”. En canto ao intercambio de profesorado, a comisión está a deseñar un ciclo de conferencias técnicas entre as institucións “para que flúa o coñecemento e o enriquecemento mutuo”.

A vicerreitora quixo destacar a predisposición e o carácter aberto que a Escola Naval sempre mantivo coa Universidade de Vigo, “de aí que sexa posible que as nosas colaboracións vaian en aumento buscando novas sinerxías, como no eido do deporte ou na posibilidade de deseñar cursos conxuntamente”, subliñou Antonia Blanco.

Obxectivos cumpridos

Durante a reunión tamén fixeron un balance do ciclo de conferencias impartidas durante este curso, “destacando o bo nivel dos relatorios, o seu carácter multidisciplinar e a necesidade de continuar nesa liña”. Así, valoraron moi positivamente “a transferencia de coñecemento á sociedade” dos relatorios deste ano, nos que foron convidados o reitor, Salustiano Mato, quen no mes de novembro impartiu un relatorio sobre o Campus do Mar; o diplomático Inocencio Arias; o Capitán de Navío José Martín e o profesor da Universidad Complutense de Madrid, Andrés Carbó, que afondaron nas campañas de xeofísica mariña.

Na xuntanza deste martes tamén se falou do novo calendario de conferencias para o curso 2011-2012 e que volverá a reunir personalidades do eido político, cultural e científico de relevancia nacional, “sempre buscando a maior proxección e asentamento desta cátedra que xa cumpriu sete anos”, concluíu a vicerreitora.