DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de estudantes procedentes de nove países

A Universidade e a Escola Naval Militar de Marín estreitan a súa relación a través do X Curso Interuniversitario de Doutoramento en Química Teórica e Computacional

É a primeira vez que a Escola acolle un curso do que non é organizadora

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 19/01/2009

A colaboración entre a Universidade e a Escola Naval Militar de Marín xa deu froitos mediante o programa de actividades desenvolvidas ao abeiro da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio e este luns deu un máis. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, e o comandante director da Escola, José Luis Urcelay Verdugo, inauguraron o X Curso Interuniversitario de Doutoramento en Química Teórica e Computacional. Vintecinco alumnos procedentes de nove países asisten a este curso de doutoramento que acolle o centro de Marín, organiza a Universidade e ten unha duración prevista de catro semanas. O curso pretende dotar aos alumnos dos fundamentos, métodos e aplicacións da química teórica.
O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, transmitiulles aos participantes un “saúdo agarimoso” en nome do reitor, Alberto Gago, e manifestou que é un “honor” a inauguración oficial dun curso que fará pensar sobre “a ciencia que nos fai avanzar” e establecer “relacións entre investigadores que continuarán ao longo de toda a vida”. Area tamén destacou o “excelente traballo” dos coordinadores que foron os artífices de esta iniciativa que permite “estreitar aínda máis as relacións entre a Escola Naval de Marín e a Universidade de Vigo” así como a "internacionalización da institución" que supón. Ademais dun paso máis na incorporación da ENM á Universidade, o mestrado do que forma parte o curso inaugurado hoxe, tamén é importante por ter consideración “oficial” de xeito que permite avanzar no traballo realizado no marco do Espazo Europeo de Educación Superior. Para rematar a súa intervención, Area despediuse cun “¡Benvidos á Universidade de Vigo!” que, máis aló dunha mera formalidade, cobra todo o seu sentido a raíz do traballo que se leva realizado para que a ENM se convirta nun centro universitario que, a partir de 2010, impartirá un grao de enxeñaría.
O director da Escola. José Luis Urcelay Verdugo sinalou que se trata “da primeira vez” que se realiza un curso non organizado pola ENM nas súas instalacións e destacou as “sinerxias” entre as dúas entidades que desexou que resultase “interesante non só pola química cuántica senón para que coñezades mellor a Armada, porque nos gusta darnos a coñecer”. O director tamén tivo unhas palabras para o alumnado non español ao que invitou a “coñecer outra faceta” de España. A Escola pon a disposición da Universidade as aulas, os sistemas informáticos, aloxamento e comedor para alumnos e profesores.

O horizonte do 2010

Hai un ano asinouse un acordo de colaboración para desenvolver un convenio de adscrición da Escola Naval Militar de Marín á Universidade de Vigo e creouse un grupo de traballo encargado da redacción dun documento que, totalmente acordado,está pendente de que se fixe unha data para a súa sinatura. Cando esta se produza e a partir do curso 2010-2011 terá lugar un cambio moi importante no plan de estudos dos alumnos que simultanearán as clases da titulación de grao coas do grao militar de alférez de navío, no caso do corpo xeral, ou de tenente para o de infantería.