DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago, reitor da UVigo:

“A universidade estase a converter nun elemento central dos modelos de desenvolvemento económico do século XXI”

Aproveitou o seu discurso para debuxar o panorama actual do SUG

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 26/09/2008

Crear, difundir e transferir coñecemento cara ao mundo produtivo para que poida ser transformado en crecemento e benestar. Así definiu o reitor, Alberto Gago, a misión que as universidades deben asumir, pois “o segundo milenio finalizou no medio dunha fortísima transformación e, por primeira vez, estanse a converter nun elemento central dos modelos de desenvolvemento económico do século XXI”.
Co obxectivo de ilustrar esta tese, o reitor apelou ao termo “multiversidades”, acuñado por Clark Kerr, antigo presidente da Universidade de California, para explicar que ademais das actividades tradicionais como a docencia, a investigación ou a divulgación, as universidades teñen un profundo impacto na sociedade a través dos seus programas de prácticas profesionais, os plans de inserción laboral, a promoción de centros tecnolóxicos e a transferencia do coñecemento, principalmente. Do mesmo xeito, Gago referiuse o último informe do Observatorio da Carta Magna de Bolonia que resalta que o reforzamento da súa función sitúa ás universidades nunha encrucillada na que deben reinventar o seu papel, “tratando de mesturar tradición e modernidade, goberno colexiado e capacidade executiva, bens públicos e mercado, humanismo e preparación profesional, centralismo administrativo e diversidade”.
Tras trazar o que el mesmo definiu como “o único camiño de futuro para as sociedades avanzadas”, o reitor sinalou que “se queremos unha universidade complexa e diversa, que multiplique o seu rendemento e a súa calidade, debemos reflexionar a fondo sobre o que isto supón”. Para isto, “necesitamos saber qué opción eliximos para o noso país e qué se nos pide para dirixir as institucións que presidimos na dirección apropiada”, rematou.

Retrato do Sistema universitario galego actual

A oferta formativa e a arquitectura da I+D cos que o Sistema universitario galego responde ao chamado da Civilización do Coñecemento ocuparon a parte central do discurso do reitor, que aproveitou a ocasión para facer un repaso polos datos reais en temas de alumando, orzamentos, titulacións e centros tecnolóxicos e de investigación creados.
Do mesmo xeito, Gago aproveitou a ocasión para recordar que “proxectos dunha enorme importancia estratéxica para este país agardan un último pulo político e orzamentario”. Entre eles citou o Centro Tecnolóxico do Téxtil, a Cidade da Saúde, a Cidade do Mar e o Centro de Nanotecnoloxía de Braga.

A universidade do futuro

Dende o salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, Gago reclamou armas, bagaxes e confianza para que as universidades galegas, ansiosas por atender as demandas que cada día reciben e desexosas de acadar o nivel de calidade que se agarda delas, poidan responder ao alegato en favor da Economía do Coñecemento convocado pola Unión Europea.
Para o reitor, a universidade do futuro debe contar con capacidade para dar resposta a todos os retos científicos e tecnolóxicos que se lle presenten ao mesmo tempo que forma titulados capaces de converterse nos emprendedores e líderes do futuro. “Soñamos con que isto ocorra nesta época e neste país”, apuntou. As universidades agardan noticias positivas para que esta reiterada aposta, tanto do goberno nacional como autonómico sexa unha realidade.

A continuación pódese consultar a versión íntegra do discurso pronunciado por Alberto Gago:
Discurso do reitor (45.74 Kb)