DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Máster en Automatización e Informática Industrial impartirase na Universidade Tecnolóxica de Hondu

A Universidade estrea un mestrado de carácter presencial no estranxeiro

Coa participación de 59 docentes e profesionais do sector industrial, dirixido por Ignacio Armesto

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 02/06/2010

A Universidade de Vigo reforza a súa proxección internacional a través do Máster en Automatización e Informática Industrial, un proxecto pioneiro que se impartirá na Universidade Tecnolóxica de Honduras de forma presencial baixo a dirección de Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática.
O novo mestrado, realizado en colaboración coa empresa SIEMENS, desenvolverase por primeira vez fóra da Universidade para dar resposta á demanda de formación “cada vez máis necesaria” no ámbito industrial e tecnolóxico para un novo mercado latinoamericano, “debido ao desenvolvemento dunha incipiente industrialización no sector téxtil de Honduras” apunta o seu director. Por este motivo, e despois do éxito colleitado polo curso de Especialista en Automatización Industrial que se impartiu o pasado ano na institución hondureña, e no que participaron 32 docentes, o director de Enxeñaría Electrónica da UTH, Julio Anariba “encargounos novos contidos para crear un mestrado de carácter presencial e 500 horas, cun capítulo de Automatización e outro de Informática Industrial, totalmente financiado pola universidade hondureña”, indica Armesto. Ante esta demanda, Armesto, xunto con cinco profesores da Universidade de Vigo, entre os que se atopan Miguel Ramón Díaz-Cacho, Matías García, Julio Garrido e Joaquín López, encargáronse de elaborar os contidos do mestrado e organizar o seu desprazamento para impartir as diferentes materias do programa.
Esta tarea constituíu un grande esforzo para os docentes que, sen embargo, tomaron este reto con ilusión. "Traballar con xente tan proactiva e compartir os nosos coñecementos para enriquecer a súa formación é unha experiencia gratificante” afirma o director do mestrado. Ademais, a impartición do Máster en Automatización e Informática Industrial no estranxeiro supón para a Universidade “converterse nunha institución académica de referencia no ámbito industrial a nivel internacional, o que é un sinal de prestixio, e achega visibilidade á institución” engadiu Armesto.

Uns estudos que “enganchan” en Latinoamérica

As novas condicións de produción que se dan no mercado industrial latinoamericano apuntan á electrónica, á informática, ás telecomunicacións e á robótica, como piares fundamentais do seu desenvolvemento. Por este motivo, cada vez cobra máis importancia o nivel de cualificación da man de obra no sector industrial latinoamericano, que precisa dunha formación especializada para os seus traballadores. Este é un dos principais motivos polos que o Máster en Automatización e Informática Industrial recalou en Honduras, coa posibilidade de facelo tamén en dúas universidades colombianas e unha ecuatoriana, que manifestaron o seu interese en acoller o mestrado na súa oferta académica.
A inclinación destas institucións por “importar” estes estudos radica en que “se trata dun máster profesionalizante, impartido en fala hispana e que afonda no coñecemento da tecnoloxía europea da man de Siemens” explica Armesto. Segundo afirma o director do mestrado, “esta iniciativa abre un fronte orixinal para interactuar con latinoamérica e pescar alumnos en caladoiros internacionais, non só para títulos propios, senón tamén para titulacións oficiais das que se poderían realizar edicións ad hoc en países sudamericanos”.

Detalles do mestrado

O Máster en Automatización e Informática Industrial pretende “formar a formadores”, segundo explica Armesto, posto que está dirixido tanto a docentes como a profesionais do sector, dos que xa hai 59 matriculados. O programa está estruturado en dous bloques de especialización, ambos compostos por seis módulos teóricos e un práctico. O primeiro, centrado na Automatización Industrial (EAI), aborda cuestións como a programación de autómatas ou ferramentas de modelado de alto nivel.
No segundo, dedicado á Informática Industrial (EII), impártense fundamentos de programación de aplicacións industriais, bases de datos relacionais en contornas industriais e redes ethernet-IP para as comunicacións industriais, entre outras materias. Esta división permite ao alumnado realizar o mestrado completo ou ben a matricularse nun dos módulos de especialización, cos que poderán obter un título oficial da Universidade de Vigo así como un diploma de acreditación de Siemens.