DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un 75% dos presentados certificaron estar por riba do nivel elemental

A Universidade estrea o TOEIC medindo as competencias lingüísticas en inglés de máis de 80 estudantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/10/2008

85 estudantes inscritos nos másters de Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial; Creación, Dirección e Innovación na Empresa; Comercio Internacional e Aplicacións de Procesado de Sinal de Comunicacións, así como no primeiro curso cuadrimestral de inglés do Centro de Linguas, participaron no test de inglés para a comunicación internacional, TOEIC, unha proba que mide as competencias lingüísticas de falantes non nativos de inglés nun contexto profesional.
No test realizado por primeira vez na Universidade de Vigo, un 75% dos estudantes presentados certificaron estar por riba do nivel elemental, mentres o 25% restante acreditou un nivel elemental. Entre os 64 estudantes que superaron o nivel elemental, 33 amosaron un nivel intermedio baixo ou B1 (bacharelato), 16 intermedio alto ou B2 (bo nivel de inglés) e 15 un nivel avanzado ou C1. Catro persoas acadaron a cualificación máis alta, 970, mentres que a máis baixa situouse en 375. A nota media quedou fixada en 676,41 “unha moi boa nota media”, asegura Jorge Figueroa, director do Centro de Linguas da Universidade de Vigo que ao tempo incide no feito de que “o 75%dos presentados acadaron un nivel intermedio ou alto”.
A experiencia cualificada de “moi interesante” por Figueroa podería repetirse no futuro dun xeito moito máis sistemático e periódico. “Trataríase”, sinala o director do Centro de Linguas “de facer varias convocatorias e abrilas a toda a comunidade universitaria que así podería presentarse a un exame recoñecido internacionalmente que lles pode abrir moitas portas”.

Característica do test

O TOEIC, Test of English for International Communication, é un test utilizado internacionalmente como criterio de admisión, avaliación, graduación e selección, sendo útil como certificación de nivel de inglés en ámbitos académicos e laborais. Dúas partes, unha de comprensión auditiva e outra lectora, conforman a proba que o estudante debe resolver en dúas horas e na que poderá acadar un máximo de 990 puntos. A comprensión auditiva avalíase a través dun cento de preguntas, divididas en catro seccións e baseadas en fotografías, conversacións e monólogos curtos, a resolver en 45 minutos. Outras 100 preguntas, distribuídas en catro seccións nas que a persoa que se examina debe completar en 75 minutos oracións e textos, así como responder a preguntas baseadas en pasaxes simples e pasaxes dobres, determinan a comprensión lectora. Ambas partes teñen a mesma puntuación, 495.