DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 53 titulacións propias e de grao e máis dun cento de mestrados, posgraos e programas de doutoram

A Universidade estreará o vindeiro curso unha oferta académica totalmente adaptada ao EEES

O reitor confía en que a proposta da institución contribúa a incrementar a matrícula

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/06/2010

A Universidade de Vigo rematou o proceso de adaptación da súa oferta académica ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e estreará o vindeiro curso 2010-2011 un mapa de titulacións totalmente adaptado a Boloña. O traballo desenvolvido durante os últimos anos para adaptar a oferta ao EEES e elaborar un mapa atractivo para o alumnado, determinou unha rebaixa no número de titulacións, antes licenciaturas e diplomaturas e agora graos, que pasou de 57 antes do inicio do proceso ás 53 que se impartirán o vindeiro curso nos tres campus, incluídas as titulacións propias de Graduado Superior en Información Técnica do Medicamento e Graduado Universitario en Deseño Téxtil e Moda. Mentres, a oferta de mestrados, posgraos e programas de doutoramento ten experimentado un progresivo incremento nos últimos anos ata acadar os 118 para o curso 2010-2011.

Na presentación da oferta académica do vindeiro curso no que se impartirán por primeira vez 14 graos que se suman aos xa existentes, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou a “total adaptación das titulacións ofrecidas pola institución ao EEES o que evita calquera tipo de incerteza do alumnado á hora tomar unha decisión”. Mato tamén manifestou a súas expectativas en que a oferta da Universidade “con títulos novos e cambios interesantes, contribúa a que a matrícula siga crecendo”.

Oferta compartida e graos inéditos, principais novidades

Os seis títulos de grao que se ofertarán na Escola de Enxeñaría Industrial e os graos de Enxeñaría da Enerxía que se impartirá na ETSE de Minas e o de Ciencias Ambientais que se poderá cursar na Facultade de Ciencias de Ourense, foron algunhas das novidades destacadas polo reitor da Universidade de Vigo que se referiu á nova Escola de Enxeñaría Industrial, froito da fusión das escolas universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial e Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, como “un buque insignia”, habida conta que se converterá no segundo centro máis importante do Sistema Universitario Galego despois de Medicina. En relación cos graos de Enxeñaría de Enerxía e de Ciencias Ambientais, Salustiano Mato, sinalou a súa singularidade en Galicia “en dous campos atractivos como son as enerxías renovables e o medio ambiente” e lembrou o carácter pioneiro en España do primeiro “que serviu de exemplo a outras moitas universidades que a queren implantar para o vindeiro curso”.

Por campus, o de Ourense estreará o vindeiro curso ademais do grao en Ciencias Ambientais outros dos exclusivos no Sistema Universitario de Galicia que son os de Enxeñería Agraria que tamén se impartirá na Facultade de Ciencias e o de Consultoría en Xestión da Información que se cursará na Facultade de CC.Empresariais e Turismo. A oferta académica do campus ourensán complétase con nove graos máis que xa se impartiron este curso.

O campus de Pontevedra renovará a súa oferta co Grao en Enxeñaría Forestal que se engade aos outros graos que xa se estaban a impartir no campus pontevedrés no que o reitor, Salustiano Mato, lembrou “as numerosas titulacións exclusivas como Belas Artes, Fisioterapia ou Publicidade e Relacións Públicas”.

Pola súa banda, o campus de Vigo estreará a partir de setembro non só os seis graos que se impartirán na Escola de Enxeñaría Industrial (Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais; Enxeñaría Eléctrica; Organización Industrial; Mecánica; Electrónica Industrial e Automática e Química Industrial) e o Grao en Enxeñaría da Enerxía, antes mencionado, senón tamén o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación que se impartirá a ETSE de Telecomunicación e o Grao en Comercio da EU de Estudos Empresariais. A oferta do campus de Vigo complétase cunha ducia máis de títulos de grao que xa se estaban a impartir. Unha oferta que segundo o reitor da Universidade de Vigo, “sintoniza coas demandas da sociedade con titulacións dirixidas a solucionar as demandas de emprego das empresas e institucións da contorna”.
No caso de Vigo, Salustiano Mato tamén destacou a clara aposta polas enxeñarías e a importante reorientación realizada en titulacións tradicionais como as filoloxías nas que se apostou por dobres titulacións, “unha estratexia moi habitual en EEUU e en Europa”, sinalou Mato e coa se pretende facilitar a introdución do alumnado no mercado laboral.

Formación ao máis alto nivel

118 mestrados, posgraos e programas de doutoramento completan a oferta académica da Universidade de Vigo para o vindeiro curso. Con 25 programas no ámbito científico, 17 no humanístico, 32 no tecnolóxico e 35 no xurídico e social, aos que se engaden cinco posgraos de corte multidisciplinar entre os que figura o mestrado de Secundaria, antigo CAP, conforman a oferta da institución académica viguesa para o curso 2010-2011 e cos que se pretende afondar na formación de profesionais, contando para iso coa colaboración de numerosas empresas e institucións.

Positivas expectativas sobre a matrícula

Tras detallar a oferta académica da Universidade para o vindeiro curso, o reitor, Salustiano Mato, manifestou as súas expectativas en que as novas titulacións e o cambios introducidos para adaptar a oferta académica ao EEES se traduzan nun incremento na matrícula no mesmo sentido que o rexistrado este curso no que número de estudantes incrementouse nun 7% respecto ao curso anterior. En total foron 20.805 os alumnos e alumnas que durante o curso 2009-2010 matriculáronse na Universidade de Vigo e dos que 20.188 cursaron 1º e 2º ciclo e 617, terceiro.