DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor reuniuse co secretario xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia

A Universidade estreita lazos co sector téxtil galego para a formación dos seus profesionais

Apuntaron a necesidade de que a Universidade se adhira á Plataforma Tecnolóxica Galega Téxtil-Moda

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/09/2010

O sector téxtil é para Galicia unha das súas bandeiras de innovación e unha fiestra ao exterior. A moda galega e, por conseguinte a súa industria, tense convertido sobre todo dende os anos 80 nun sinal de identificación pero tamén un importante tecido empresarial ao que a Universidade contribúe dende a Escola de Deseño Téxtil e Moda do campus de Pontevedra. Co obxectivo de estreitar os lazos de colaboración entre a Universidade e o sector, o reitor Salustiano Mato e o secretario xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia, Alberto Rocha, mantiveron unha xuntanza para avanzar na colaboración en temas de formación así como na Plataforma Tecnolóxica Galega Téxtil-Moda.

Segundo explicou o reitor, durante a súa visita a Texvigo na que estivo acompañado polo vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, “avanzamos de cara a poñer en relación o que ofrecen os grupos de investigación coas necesidades que xera o propio sector” e sempre coa vista posta no Plan Estratéxico do Téxtil. Para Alberto Rocha é primordial esta cooperación, “a clave está en ver onde están os puntos de conexión entre o que se fai na Universidade e as demandas do tecido” e, nese sentido, salientou as necesidades formativas de persoal especializado, como “un dos elementos diferenciais do sector en Galicia pero tamén de cara ao exterior”. Neste sentido, Mato remarcou a colaboración na formación tanto na parte creativa e de deseño como no tocante ao modelo de negocio.

Un punto de inflexión para Esdemga

A Escola de Deseño e Moda de Galicia leva catro anos formando como título propio da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra creadores novos que dinamicen o escenario da moda no país. Agora, coa adaptación ao EEES atópase ante o reto de “transformarse e avanzar”, un momento que para Rocha tamén debe servir para sincronizarse coas necesidades do sector, sobre todo de cara ao futuro e no tocante ás novas tecnoloxías e ao modelo de negocio, ao tempo que reafirmou o apoio do clúster á titulación.

Máis aló de Esdemga, Mato e Rocha expresaron a necesidade de seguir colaborando no eido da formación. “Nun momento como este no que se fan moitos produtos fóra das fronteiras é necesario contar con profesionais coas competencias adecuadas para entender como funciona o negocio a global e poder dominalo controlando os aspectos claves da xestión deste negocio que son o deseño e creación do produto, a súa produción e posterior comercialización, aínda que non sexa aquí e esa cadeas estea descomposta”, apuntou o secretario xeral de Cointega. Ao respecto, apuntou dous niveis primordiais de traballo, por unha banda a formación permanente e actualización do coñecementos dos profesionais, xa sexan directivos, técnicos ou operarios. “Cada un destes colectivos ten necesidades formativas diferentes e estamos facendo moitos cursos e seminarios e aposta é facer un curso de alta dirección en empresas de moda, no que colaboramos coa Escola de Negocios Caixanova, agora centro adscrito á Universidade de Vigo”. Por outra banda, está a formación dos novos profesionais, “traballar na incorporación de novas persoas ao sector, e neste eido é onde é e será máis estreita a colaboración coa Universidade, sobre todo a través dos seus grupos de investigación e da Escola de Deseño e Moda de Galicia”, salientou Rocha. “E o momento idóneo para sentarnos a falar e facer algo ambicioso que converta esta titulación nun referente, que atraia incluso alumado de fóra de Galicia, para formar o talento de aquí pero tamén o de fóra e que poida quedar como elemento dinamizador do sector, persoas cunha altísima cualificación que se van incorporar á empresas, ao noso tecido empresarial.

Adhesión á Plataforma Tecnolóxica Galega Téxtil-Moda

Neste xuntanza, tratouse tamén a posible incorporación da Universidade á Plataforma Tecnolóxica Galega Téxtil-Moda, algo que Rocha, como un dos seus promotores, ve como moi bos ollos. “A Plataforma xa está en marcha estamos buscando permanentemente novos aliados”, explicaba, salientando que dende o principio contaron cos centros de formación, entre os que a Universidade “é o de maior peso como elemento clave”. Neste sentido, o reitor amosouse favorable a esta adhesión que se vertebraría a través da Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento.