DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A presentación do Plan Avante foi elixida a mellor exposición das xornadas

A Universidade expón o seu plan de calidade na xestión nas III Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/11/2009

A presentación do Plan Avante da Universidade de Vigo resultou elixida como o mellor dos proxectos expostos nas III Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria celebradas en Chiclana de la Frontera e nas que 14 universidades españolas realizaron un total de 27 presentacións nas que relataban as súas experiencias en cuestións como xestión de calidade e excelencia, xestión de procesos, sistemas de percepción da satisfacción dos usuarios e grupos de interese. Organizadas pola Universidade de Cádiz e o Club de Excelencia en Gestión, as xornadas, nas que se bateu un récord de participación coa asistencia de preto de 140 profesionais, están consolidadas como as máis importantes en xestión de calidade en servizos de xestión.
Tres temas centraron as presentacións das universidades que tomaron parte nas xornadas: a xestión das universidades para dar resposta á implantación do EEES, a presentación do novo modelo de excelencia en EFQM e a obtención de certificacións e selos de excelencia como acreditación da calidade nas universidades.

A mellor presentación das xornadas, o Plan Avante da Universidade de Vigo

Co obxectivo de intercambiar boas prácticas para a mellora da calidade da xestión das universidades, en paralelo aos relatorios, celebráronse sesións de comunicacións apoiadas en presentacións nas que se abordaban diferentes experiencias relacionadas coa xestión da calidade. Das 27 presentacións que se deron a coñecer nas xornadas, foi a elaborada pola Universidade de Vigo co título La planificación de la calidad en el ámbito de gestión de la Universidade de Vigo- Plan Avante, a que foi elixida como a mellor presentación por votación dos 27 responsables das presentacións.
Ademais da exposición do Plan Avante, a Universidade de Vigo, realizou outra presentación co título El proceso de elaboración de la Carta de Servicios en el Servicio de Retribuciones y Seguros Sociales de la Universidade de Vigo. Un total de nove autores e a Área de Imaxe da Universidade de Vigo foron os autores das dúas exposicións presentadas nas xornadas.

A calidade na xestión como obxectivo

Coa finalidade de incorporar a cultura da calidade ao ámbito da xestión e integrar os obxectivos que en materia de calidade se desenvolven no Plan Operativo de Xestión, a Xerencia da Universidade de Vigo desenvolveu o Plan Avante ou Plan de calidade no ámbito da xestión. O Plan que integra catro programas permitirá, segundo afirma a xerente Ana Fernández Pulpeiro “definir con maior concreción e coordinar as actuacións en xestión de calidade, establecer os recursos organizativos de apoio, dotar de intanxibles e mobilizar á organización para a xestión de calidade”.
Cartas de servizo, mellora de procesos, avaliación da satisfacción do usuario e implantación de certificación do sistema de xestión de calidade, son os programas que integran o Plan Avante que tamén contempla accións orientadas á capacitación do persoal e liñas de colaboración con outros proxectos e organizacións, así como a integración da xestión da calidade nos sistemas informáticos de ferrramentas tecnolóxicas específicas.