DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade exporá o seu potencial investigador no Salón do Viño Vintech

Celebrarase os días 26, 27 e 28 de abril en Vilagarcía de Arousa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 22/04/2010

A oferta de I+D+i e de transferencia da Universidade de Vigo abrangue todos os ámbitos do coñecemento, entre eles o sector agroalimentario. Dentro deste eido a institución leva anos desenvolvendo proxectos e liñas de investigación relacionadas co viño, como un dos sectores punteiros da economía galega. Todo este esforzo innovador será presentado a vindeira semana no Salón Internacional do Viño, técnicas e equipamento, Vintech, que se celebrará en Vilagarcía de Arousa. Entre os días 26 e 28 o recinto de Fexdega acollerá nunha feira a representantes do sector, tanto adegueiros como produtores e comercializadores, co obxectivo de incentivar as canles de comercialización de produtos vinculados á industria do viño e favorecer a implantación de novas tecnoloxías e o encontro entre industriais do sector procedentes de todo o mundo. Esta segunda edición do salón é a primeira vez que participa a Universidade e faino na procura de contactos, contratos e sinerxías coas empresas do eido, para o que a institución contará cun stand propio e presentará unha publicación na que se recolle a oferta de I+D+i do sector agroalimentario.
En 2007, pola primeira edición desta feira pasaron arredor de 6000 visitantes que puideron coñecer de primeira man as propostas relacionadas coas adegas e cooperativas, produtores, maquinaria agrícola, accesorios, rego, abonos, fertilizantes e fitosanitarios, viveiros, maquinaria vinícola, equipamentos de laboratorio, produtos químicos, produtos enolóxicos, barricas e toneis, botellas, etiquetas e etiquetadoras, tapóns, caixas, etc, así como empresas de informática, editoriais, seguros agrarios...

O sector do viño como obxecto de estudo

Entre outras, a Universidade de Vigo desenvolve varias liñas de investigación relacionadas co viño, tanto no tocante á produción, como á xestión das explotacións, a loxística ou a comercialización. O Equipo de Microbioloxía, por exemplo, traballa no illamento de fermentos vínicos e fungos patóxenos da vide autóctonos na zona do Ribeiro, valoración de desinfectantes e funxicidas, estudos de ADN ou actividades enzimáticas. Pola súa banda, o Equipo de Agroinformática para a viticultura centra as súas actividades na investigación básica e aplicada en temas relacionadas co viño, en servizos dirixidos ás empresas e institucións do sector e traballan no aproveitamento das cepas vellas de albariño para unha nova liña de viños de calidade acollida á DO Rías Baixas, así como na implantación de técnicas de viticultura de precisión nas condicións do Rosal.
Outro grupo, o Equipo Interinstitucional de Biotecnoloxía Reprodutiva de especies leñosas, céntrase na embrioxénese somática e gamética en variedades galegas de vide, na análise de variación somaclonal en vide e na identificación molecular de plantas. Ademais, o grupo de Química analítica en tecnoloxía alimentaria e ambiental realiza análises de viños brancos e tintos para a determinación de aromas varietais e fermentativos e estuda a determinación de aromas fermentativos e varietais en viños e mostos de variedades brancas, a determinación de aromas varietais e de fermentación en viños de diferentes clons de albariño e determinación de aromas varietais e fermentativos en viños monovatietais.

Varios investigadores nas xornadas técnica

O primeiro día da feira, o luns 26 de abril, comezarán tamén as xornadas técnicas nas que participarán varios investigadores da Universidade de Vigo. Na mañá e dentro dun módulo sobre Investigación aplicada: casos de éxito, Jorge Marcos Acevedo, do Equipo de Electrónica de Potencia e Camilo Quintáns, do Equipo de Deseño de Sistemas Electrónicos presentarán un destes casos: o desenvolvemento de sensores comerciais para o control do proceso de obtención de viño. Xa pola tarde e dentro do módulo de Estratexias de tratamento para pragas e enfermidades, Beatriz Cancho, do Equipo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias, afondará na influenza de novas formulacións comerciais contra mildiu en composición aromática de viños brancos galegos.