DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Suma este título ao Campionato da División de Honra Galega acadado hai menos dun mes

O Universidade fai historia ao proclamarse campión galego de xadrez

Pola súa banda do equipo de rugby acadou a Copa Xunta de Galicia tras vencer ao CRAT

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/05/2012
Menos dun mes despois de proclamarse campión da División de Honra Galega, o equipo de xadrez da Universidade de Vigo gañou nunha axustadísima final fronte ao Algalia o Campionato Galego de Clubs. “Foi un día que a maioría de nós imos tardar moito en esquecer, polo que este título significa. Agora é cando pensamos no comezo de todo isto “, explica Pablo García, capitán do equipo de xadrez que non agocha a importancia dun reto de grande envergadura que comezou deixando fóra da final a catro ao Marcote, equipo campión de España que ten nas súa ringleiras aos números 1 e 2 nacionais, ademais dun destacado elenco de grandes mestres da elite mundial. Na final disputada ante o equipo compostelán do Algalia e que rematou co resultado de 3-3, os universitarios vigueses sufriron máis do esperado ata o extremo de que o rival estivo a tan só medio punto de acadar o título.

Superadas as dúas primeiras horas da final e tras un inicio marcado polo retraso na chegada de Diego Guerra, a balanza parecía decantarse do lado do equipo universitario que sen embargo sufriu a remontada do Algalia que unha hora despois gañaba por 2.5 a 0.5. Na recta final do campionato as vitorias de Daniel Rivera e Francisco Carrera foron determinantes para acadar un empate co que o Universidade de Vigo facíase co título de campión galego. Un histórico triunfo que fai lembrar ao capitán que foi hai nove anos cando decidiu abandonar o equipo profesional no que militaba naquel momento, para iniciar un proxecto que comezou na Segunda División Galega, “era toda unha novidade, un mestre internacional xogando nesa categoría. Comezamos coa formación de canteira e a incorporación doutros mestres que se uniron por amizade e cariño”. García ten neste intre un agradecemento especial para o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo “por como nos apoiaron e fixeron seus os éxitos que iamos colectando”.

Apoio para participar no Campionato de España e recoñecemento para Yudania Hernández

A celebración deste novo éxito acadado polo equipo de xadrez da Universidade de Vigo comparte, sen embargo, protagonismo coa súa preocupación por garantir a súa participación no Campionato de España de Primeira División ao que acceden por segunda vez na súa historia. “Conseguimos coarnos entre os 20 mellores equipos de España, un éxito sen precedentes para un equipo 100% galego e cuxa participación está neste intre en perigo pola imposibilidade de asumir o custo da viaxe e aloxamento dos xogadores”, explica Pablo Garcia que solicita a colaboración das institucións para apoiar ao equipo e “manter o nome de Vigo e as cores de Galicia na elite do xadrez”.
Por outra banda á boa nova da consecución do Campionato Galego de Clubs súmase para o Universidade de Vigo o recoñecemento outorgado pola Xunta de Galicia á xogadora Yudania Hérnadez á que vén de nomear Deportista Galega de Alto Nivel, una distinción que ata o de agora só lle fora outorgada ao gran mestre Iván Salgado. Hernández que é a vixente campioa de España Absoluta, convertese con este recoñecemento na primeira muller na historia do xadrez en recibir esta distinción.

A Universidade de Vigo Iveco pecha tempada proclamándose campión da Copa Xunta

Cun contundente 31 a 9 o Universidade de Vigo Iveco converteuse en campión da Copa Xunta de Galicia no partido disputado fronte ao CRAT coruñés. A pesares da diferenza acadada no marcador o partido foi por momentos moi brusco cun elevado número de infraccións o que impediu ao equipo vigués desenvolver o ritmo que lle gusta imprimir aos seus encontros. No encontro que comezou co corredor que o Universidade fixo ao equipo coruñés polo seu ascenso á División de Honor B e cun minuto de silencio polo falecemento do candidato á presidencia da Federación Española de Rugby, Kote Olaizoila, o equipo vigués aproveitou para que debutasen varios canteiranos como Nicolás Gómez, Nacho Villegas, Valentín Gutiérrez ou Miguel López.