DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor inaugura o workshop 'Fish identification tools for biodiversity and fishery assessments'

Universidade e FAO alíanse na procura do mellor método de identificación de peixes

O profesor Cástor Guisande, coordinador das xornadas, participa no encontro co programa IPez

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 11/10/2011

Porque o consumidor debe ter garantido a orixe e a especie de peixe que merca, a FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e Alimentación, reúne en Vigo, dende este martes e ata o próximo xoves, a 17 expertos no International workshop on Fish identification tools for biodiversity and fishery assessments. O encontro, organizado polo profesor da Universidade de Vigo Cástor Guisande, representante da institución académica na FAO, ten como obxectivo examinar todos os métodos de identificación de peixes que existen na actualidade, entre eles o sistema IPez deseñado polo propio Guisande, “para propoñer un novo que probablemente sexa a combinación dos xa existentes para que a identificación sexa máis fácil”.

Os avances que achegue este workshop facilitarán o proceso de recoñecemento e de venta dos diferentes tipos de peixe a través dun correcto etiquetado, “garantindo que o consumidor reciba a especie que en teoría se lle está vendendo, xa que, salvo aquelas especias máis comerciais que son ben coñecidas, identificar outras require de moita experiencia” , aclarou Guisande.

Este encontro internacional foi inaugurado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen aproveitou a súa intervención para darlle a benvida aos asistentes e para amosar o compromiso da institución viguesa con FAO, "un exemplo perfecto de como a cooperación internacional é necesaria e á vez produtiva”, ademais de ser unha cuestión prioritaria "na estratexia de internacionalización que a Universidade vén desenvolvendo na contorna europea e mundial", engadiu o reitor. Esta idea tamén foi reforzada por Johanne Fischer, directora do Departamento de Pesca da FAO durante a inauguración, sinalando a repercusión e a importancia dun encontro “que une diferentes puntos de vista que teñen algo en común”.

A Universidade achega o método IPez

Foi a propia FAO a que con anterioridade entrou en contacto co profesor Cástor Guisande ao interesarse polo programa IPez que desenvolveu co seu grupo de investigación. Trátase dunha ferramenta informática “que permite a calquera persoa, sen ningún tipo de coñecemento sobre o tema, identificar especies de peixes”, explicou Guisande. É de carácter gratuíto e calquera usuario pode descargalo no seu ordenador “e ver as miles de fotografías coas descricións das especies en 11 idiomas diferentes”. Ademais das imaxes, esta aplicación presenta a posibilidade de realizar a identificación de forma automática ao incluír no sistema medidas das especies. O programa ten como reto continuar incrementando a base de datos, “para incluír fotos e medidas das máis de 34.000 especies que existen na actualidade” e aumentar o número de aplicacións, “como seleccionar unha área e obter información de todas as especies presentes nela”.

É a primeira vez que FAO realiza unha xuntanza destas características e o resultado final será a redacción dun informe do que a Universidade de Vigo será partner e que terá difusión mundial. Nesta primeira xornada os expertos debateron sobre a taxonomía, xenética, recoñecemento de imaxes e morfometría do peixe, estes últimos coordinados polo grupo de investigación creador do IPez. A segunda e a terceira xornada os asistentes dedicaranse á elaboración do documento final, que FAO distribuirá entre institucións, organismos, administracións e empresas “para que o empreguen como guía de referencia”.