DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras a sinatura dun acordo de colaboración

Universidade e Forga colaborarán na difusión do galego no ámbito profesional

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/04/2008

A formación en galego en sectores tan específicos como a construción, a automoción ou a ensamblaxe require detrás un amplo abano de terminoloxía que non sempre está dispoñible. Para mellorar esta situación o grupo de investigación “Tecnoloxías e aplicacións da lingua galega” e FORGA, a Fundación para a Orientación Profesional, Emprego e Formación en Galicia, traballarán conxuntamente na creación e difusión de recursos lingüísticos e terminolóxicos para o galego orientados á actividade de formación profesional.
Os profesores Xavier Gómez Guinovart e Xosé María Gómez Clemente, coordinadores do grupo, e Fernando Sabio Maroño, apoderado xeral de FORGA, foron os encargados de asinar este protocolo. “Debido ao específico dos cursos que imparte esta fundación hai unha gran necesidade de terminoloxía técnica en galego”, explica o profesor Gómez Guinovart. “O noso labor será sobre todo de asesoramento”, engadiu.

A informática a disposición da lingua

O grupo de investigación TALG centra a súa actividade no desenvolvemento de ferramentas informáticas de uso libre que facilitan o achegamento á lingua galega e ao seu uso. Composto por quince expertos, ao longo dos dez últimos anos teñen posto a disposición do público diversos recursos públicos de tecnoloxía lingüística como o primeiro corrector en liña do galego, o tradutor automático español-galego-español, ou o dicionario CLUVI inglés-galego entre outros.

Un paso máis na normalización do galego

Vinculado á Confederación Intersindical Galega, Forga é unha entidade sen ánimo de lucro que vén impartindo formación para poboación en activo dende 1996. Na sinatura do acordo ambas entidades subliñaron a súa aposta decidida por todas aquelas actividades dirixidas a conseguir a completa normalización da lingua. “Sumámonos ao espírito do Plan Xeral de Normalización Lingüística que aprobara o Parlamento Galego en 2004 e no que se establece que a lingua galega, como ben colectivo, debe ser apoiada e defendida non só polos poderes públicos, senón tamén por toda a sociedade no seu conxunto”, sinalaron desde FORGA.