DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle por primeira vez o VII Simposio Ibérico de

A Universidade forma equipo coa Real Federación Española de Tenis

As dúas institucións buscan sinerxías no eido da investigación para mellorar o rendemento neste depo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 07/06/2012

O tenis é o segundo deporte máis seguido en España, contando con tres tenistas entre os dez mellores do mundo. Non obstante, para manter esta posición privilexiada, “hai que seguir formándose e investigando” de aí que as Reais Federacións de Galicia, España e Portugal decidisen contar coa Universidade de Vigo para a celebración da sétima edición do Simposio Ibérico de Tenis, que se inaugurou este xoves na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. O acto de apertura estivo presidido pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que definiu este congreso como o primeiro paso “na colaboración que debe haber entre as federacións e a Universidade pois facémonos falta uns a outros para achegar á sociedade unha formación de calidade, próxima á realidade da rúa e da man de profesionais”.

Este congreso, pensado para actualizar os coñecementos dos máis de 50 técnicos e xogadores inscritos, “representa unha das patas fundamentais do tenis, a investigación, da cal depende o seu futuro”, apuntou Andrés Sanzol, presidente do comité de docencia da RFET, tamén presente no acto de inauguración ao que tamén acudiron representantes das federacións galega e portuguesa e o profesor Jorge Viaño, coordinador do congreso dende a Universidade, que lembrou a importancia de que a facultade acolla este encontro “dada a demanda de profesionais neste deporte cunha inserción laboral probable” ademais de adiantar a futura sinatura de convenios marco coas federacións “para facilitar ao alumnado o acceso á titulación de técnico de tenis”.

Necesidade de investigación aplicada

Esta sétima edición do simposio, que se celebra por primeira vez en Pontevedra, ten un marcado acento académico e está dirixido especialmente aos adestradores deste deporte “que deben preocuparse no día a día de traballar e facerlles un seguimento aos seus xogadores”, salientou Sanzol que reflexionou que o tenis conta cun gran seguimento e cunha gran canteira, “as escolas formativas están cheas de mozos e mozas”, de aí que sexa importante “coidalos” cunha “excelente formación por parte dos seus técnicos”. Para iso resulta fundamental a relación entre universidades e federacións “para que as investigacións que se leven a cabo dende as facultades sexan de aplicación no contexto real”, explicou Juan Pedro Fuentes, profesor da Universidad de Extremadura, referente internacional en publicacións científicas sobre tenis. Sinalou ademais que España é a sexta potencia mundial neste eido de investigación e tamén punteira no referido á orientación práctica dos estudos teóricos levados a cabo nas universidades “o que xustifica dalgunha forma que este país sexa o que máis tenistas ten entre os 100 mellores”. Fuentes destacou que nesa procura de sinerxías entre as institucións xoga un papel fundamental as áreas de docencia das federacións “que funcionan como eixes entre o mundo universitario e o federativo para que flúan os contactos e as investigacións conxuntas”.

Unha profesión sen normativa

O primeiro en tomar a palabra foi o director da área de docencia da RFET, David Sanz, que reflexionou se o posto de técnico de tenis reúne os requisitos necesarios para ser realmente unha profesión. “A diferenza doutros deportes, o adestrador de tenis non conta cunha normativa legal que protexa e regule esta profesión”, denunciou Sanz e referiuse ao caso catalán, única comunidade española que dispón dunha normativa neste campo de actuación. Non obstante, este membro da RFET si que lembrou os grandes pasos que en España se teñen dado para o recoñecemento da profesión, como os conseguidos co Real Decreto de 2007 no que o Ministerio de Educación incluíu as formacións en tenis nas ensinanzas de réxime especial “equiparándoas a FP de graos medio e superior”. Tamén citou un proxecto europeo en desenvolvemento que define as titulacións deportivas “que establecería polo miúdo as competencias de cada profesional e permitiría a mobilidade laboral polo continente”, aclarou Sanz.

Mentres que as sesións teóricas se imparten no campus pontevedrés, as pistas do Casino Mercantil acollen as clases prácticas que comezaron esta tarde da man de Carles Vicens e de Josep Campos, membro da Federación Catalana. O simposio continuará este venres con expertos da talle de Miguel Crespo, coordinador da Federación Internacional de Tenis; Guillermo Gorospe, investigador da Universidad del País Vasco; Jaime Fernández, “eminencia na preparación física na alta competición” e de Vítor Cabral, da Federación Portuguesa.