DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa posta en marcha de actividades nos tres campus

Universidade e Fundación Alborada unen forzas para loitar contra o consumo de drogas

Presentaron dúas campañas para previr ao alumnado sobre os riscos e as consecuencias destas substanc

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 01/12/2010
O uso, abuso e dependencia das drogas é un problema complexo do que se derivan importantes repercusións para a sociedade en termos de saúde e benestar social e a Universidade non é allea a este fenómeno, tal como subliñou o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas na presentación do programa Drogas: tu punto de información sobre prevención do consumo de alcohol, cannabis e outras drogas entre estudantes universitarios.

“A Universidade está empeñada en lograr unhas condicións de vida moito máis saudables para o noso alumnado porque sabemos que repercute positivamente no seu rendemento académico e na súa formación como persoas”, explicou Costas, que estivo acompañado na presentación por Jesús Cancelo, psicólogo clínico e director da Fundación Alborada de Vigo, entidade que lle propuxo á Universidade unirse a esta campaña e Antoni Durán Vinyeta, psicólogo clínico e director da Asociación PDS, Promoción y Desarrollo Social de Barcelona, que foi o encargado de explicar os detalles dunha iniciativa que se puxo en marcha hai uns anos na Universidade de Barcelona e, grazas ao financiamento do Plan Nacional sobre Drogas, se ampliou a outras trece universidades de toda España, ás que agora se une Vigo, de momento a única galega en participar.

Atención persoanlizada de consultas nun prazo máximo de 48 horas

O obxectivo é informar ao estudantado universitario sobre os riscos derivados do consumo de drogas, suxerindo estratexias de autocontrol e de limitación de riscos en caso de consumilas. “Cando queremos pór en marcha iniciativas deste tipo temos que recorrer ás persoas que levan traballando tantos anos, que teñen xa produtos preparados para intervir neste estrato de idade, neste caso a mocidade universitaria”, explicou o vicerreitor en relación á colaboración coa Fundación Alborada, ao que Cancelo engadiu que é importante non empezar de cero cando hai produtos que contan con financiamento e que xa está probada a súa eficacia”

Para lograr estes obxectivos a campaña dispón dunha páxina web (www.tupunto.org) á que poden acceder os universitarios para obter información obxectiva sobre drogas, unha dirección de correo electrónico (infodrogas@tupunto.org) para a atención personalizada de consultas,”nun prazo máximo de 48 horas”, subliñou Antoni Durán, e unha exposición itinerante sobre drogas “que vai rotar por todas as escolas e facultades dos tres campus e que nestes intres está xa instalada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias”, engadiu.

“En canto nos ofreceron pasear esta campaña por todas as escolas e facultades pareceunos moi interesante”, subliñou o vicerreitor, que adiantou que, ademais desta campaña, a colaboración coa Fundación Alborada incluirá tamén outras iniciativas “a nosa idea é que estean presentes tamén na celebración das festas relacionadas cos patróns das diferentes escolas e facultades, así como realizar charlas de orientación con certa periodicidade sobre prevención de determinadas adicións”, subliñou.

Coca. Qué?

Xunto a esta campaña presentouse tamén o programa Coca. Qué? máis centrado no consumo de cocaína, o mercado mundial de comercio e o seu impacto económico, sanitario e social. “Trátase dunha proposta moito máis global ca anterior”, subliñou Antoni Durán, que insistiu en que “se afonda na perspectiva social do mundo da cocaína e do consumismo en xeral”. Segundo explicou, consiste en promover unha actitude crítica cara o negocio da cocaína e o seu impacto na sociedade, explicando aspectos como as condicións da súa fabricación ou recorrido da cocaína ata chegar a España.

Coca. Qué? consta dunha exposición de 10 paneis de 200 x 85 cm e de unha guía de actividades para complementar a visita á exposición. Dado que o consumo de cocaína é minoritario con relación ao conxunto da poboación, durante a presentación insistiuse en que os contidos da exposición se deseñaron “de maneira que toda persoa que a visite poida sacarlle proveito, sexa cal sexa o seu grao de contacto con dita substancia”.