DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mato asinou un convenio co centro chileno ao que tamén informou sobre Campus do Mar

Universidade e Fundación CEQUA desenvolverán proxectos de investigación e intercambiarán docentes e estudantes

Ecoloxía de ecosistemas mariños, paleoecoloxía e glacioloxía, liñas de traballo da fundación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/06/2010
Creada polo goberno rexional de Magallanes e Antártica Chilena, xunto coa Universidade de Magallanes, o Instituto de Fomento Pesquero e o Instituto Antártico Chileno, a Fundación CEQUA (Centro de Estudios del Cuaternario Fuego-Patagonia y Antártica) estuda desde hai oito anos o medio ambiente natural no extremo sur de Sudamérica e na Antártica e máis concretamente o establecemento das grandes masas de xeo, a súa retirada e posterior colonización biótica e humana. A ecoloxía de ecosistemas mariños e a paleoecoloxía e glacioloxía, son as liñas básicas de investigación nas que traballa a fundación que ten como obxectivo reforzar o desenvolvemento da ciencia na rexión chilena de Magallanes. Unha actividade para a que a partir de agora poderá contar coa colaboración da Universidade de Vigo con cuxo reitor, Salustiano Mato, asinou hoxe un convenio o seu director executivo, Thomas Colnot.
O convenio que ten a finalidade de que ambas institucións leven a cabo accións conxuntas traducirase no desenvolvemento de proxectos de investigación; organización de actividades académicas; a mobilidade de estudantes e persoal docente ou intercambio de publicacións, traballos de investigación e materiais académicas de interese.

Presentación do proxecto do Campus do Mar

Con motivo da sinatura do convenio que hoxe tivo lugar no despacho do reitor e no tamén participaron o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández e o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Jesús Souza, Salustiano Mato, trasladou a Thomas Colnot a filosofía e obxectivos do Campus do Mar. Un proxecto que pola súa vinculación co medio mariño ten unha clara relación co traballo desenvolvido pola Fundación CEQUA que ten como liñas de traballo fundamentais a ecoloxía de ecosistemas mariños e a paleoecoloxía e glacioloxía. No caso da investigación referida á ecoloxía dos ecosistemas mariños o traballo da fundación ten o obxectivo de afondar no coñecemento dos ecosistemas mariños do fiordos e canais austrais, centrándose no estudo da diversidade xenética e conservación de aves e mamíferos mariños, as interaccións entre microalgas tóxicas e zooplancton xunto a parámetros ocenográficos asociados ou as comunidades bentónicas de fondos brandos e a súa resposta ao avance e retroceso glacial.
Na outra liña de investigación a referida á paleoecoloxía e glacioloxía a fundación traballa na recompilación de rexistros detallados procedentes do hemisferio sur, indispensables para a comprensión da globalidade do fenómeno paleoclimático, determinar as súas causas e consecuencias.