DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co restaurador Ferrán Adriá como convidado especial

A Universidade homenaxea este martes no campus a máis de 250 empresas

Polo seu compromiso no campo da I+D+i e na inserción laboral dos titulados

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 22/02/2010

Máis de 250 empresas procedentes tanto da contorna galega como española e europea daranse cita este martes no campus nun acto homenaxe coa que a Universidade recoñecerá o labor de todas aquelas empresas que colaboran coa institución na realización de proxectos de I+D+i e na incorporación de estudantes ao mercado laboral.
Coa presenza do prestixioso restaurador Ferrán Adriá como convidado especial, daranse cita no campus unha importante representación de firmas procedentes de todos os sectores empresarias, así como os principais centros tecnolóxicos (da automoción, do mar, do granito, das telecomunicación, da carne, da sostenibilidade enerxética...), asociacións profesionais (da madeira, das conservas...) e fundacións (Feuga, Provigo, San Rosendo...).
A azucareira Ebro, Jealsa Rianxeira, Sidrería Gallega, Grupo Cuevas, Coren, Freiremar ou Kiwi España son algunhas das empresas do sector da alimentación que colaboran habitualmente coa Universidade e que participarán no actó. É un exemplo ao que se poden engadir outros como o das enerxías e o medio ambiente (Cepsa, Red Eléctrica de España, Norvento, Sotavento Galicia, Tasga Renovables, Enerxías Renovables de Galicia...); finanzas e consultaría (Caixanova, Caja Madrid, Deutsche Bank, Caja España de Inversiones...) ou Tic (Televés, Wireless Galicia, Ericsson, Bit Occeans Research, TekPlus, Imatia, Humana, Biometric Technologies ou o Biotechnology Institute SL). En total máis de 250 firmas coas que a Universidade xa ten unha estreita relación, tanto no eido da transferencia de coñecemento como no da inserción laboral dos titulados.

Creatividade, compoñente imprescindible da innovación

O acto, que terá lugar as 12.30 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, servirá tamén para pór enriba da mesa o papel da creatividade nos procesos de I+D+i. Esta será a principal achega do relatorio de Ferrán Adriá que, baixo o título Cuanto tiempo puede durar la creatividad?, tratará de pór en valor a creatividade como compoñente imprescindible da innovación.
Promovido polo Consello Social, o encontro, que se poderá seguir en directo en UVigo.tv, contará coa presenza, ademais do reitor e o presidente do Consello Social, do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontela, entre outros destacados cargos políticos, económicos e financeiros.