DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio asinado co Centre de Recherche Scientifique de Conakry-Rogbané

Universidade e IEO traballan coa República de Guinea nun proxecto de protección de ecosistemas mariños

Colaborarán tamén na formación de investigadores do país africano

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Duvi DUVI 26/02/2013

Un tripartito que traballa no desenvolvemento de estudos e medidas de protección dos ecosistemas mariños do noroeste africano dende 2011. A Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía e o Centre de Recherche Scientifique de Conakry-Rogbané de Guinea son os tres parceiros desta cooperación que este martes se plasmou nun convenio de colaboración asinado polo reitor da Universidade, Salustiano Mato e o director do IEO, Eduardo Balguerías, co director xeral de Cerescor, Clotaire Gnan Maomy. Trátase dun instituto público de investigación científica e técnica pertencente ao Ministerio de Educación e Investigación de Guinea, entre cuxas áreas de actividade se atopa a oceanografía, sendo un centro de referencia para a investigación en África noroccidental.

Os tres organismos veñen traballando no eido da protección dos ecosistemas mariños dende hai varios anos, ao abeiro do Proxecto para a Protección do Grande Ecosistema Mariño da Corrente de Canarias (CCLME), que en 2010 puxeron en marcha a FAO e o Programme des Nations Unies pour l'Environnement (PNUE), co obxectivo de loitar contra a degradación deste grande ecosistema. Esta iniciativa conta co financiamento do Fondo Mundial para o Medio Ambiente e o cofinanciamento dos sete países do noroeste africano e de diversos organismos de investigación, entre os que se atopan o propio IEO e a República de Guinea.

Intercambio de investigadores e coñecementos

Este novo convenio entre as tres institucións dota de marco legal á colaboración que viñan desenvolvendo dende 2011, cando comezou o seu traballo un equipo de investigadores da Universidade e do IEO con ampla experiencia no estudo de ecosistemas de augas profundas africanas. Estes científicos son os responsables de coordinar o estudo do bentos no marco do proxecto CCLME, o que xestionou o acordo asinado este martes na sede viguesa do IEO. No equipo mixto do proxecto denominado ECOAFRIK, participan 15 investigadores españois, nove do IEO e seis da Universidade, ademais de científicos dos centros de investigación africanos, noruegueses (IMR e Universidade de Bergen) e a universidade mexicana de Veracruz.

Grazas a este acordo seguiranse a desenvolver actividades conxuntas en materia de biodiversidade e de protección de ecosistemas pero tamén se promoverá a formación de novos científicos dos institutos da rexión no eido das comunidades bentónicas co obxectivo de dotar aos países de persoal científico cualificado en áreas nas que a súa formación é deficitaria. Fran Ramil, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e Ana Ramos, do IEO, son dous dos investigadores principais desta iniciativa. Destacan que, coa vista posta no futuro, o proxecto podería estenderse a outros países da rexión como Guinea Bissau, Senegal, Gambia, Cabo Verde, Mauritania e Marrocos.

Por parte do Centre de Recherche Scientifique de Conakry-Rogbané, o seu director xeral de Cerescor, Clotaire Gnan Maomy, amosou un claro compromiso con este proxecto, financiado xa no outono de 2012 unha estadía de dous meses dun dos seus investigadores no Laboratorio de Zooloxía Mariña da Universidade, que agora se atopa realizando a súa tese de doutoramento precisamente baixo a dirección de Fran Ramil e Ana Ramos. Aproveitando a súa visita a Vigo, onde permanecerá ata finais de semana, Maomy convidou tamén oficialmente aos investigadores españois a impartir docencia na Escola de Doutoramento que se puxo en marcha no centro de investigación guineano. Ao longo desta semana agardan tamén poder avanzar na concreción do programa docente e investigador que haberá de desenvolverse durante os vindeiros anos neste marco de cooperación.