DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Haberá actividades complementarias como a exposición fotográfica “Pioneiras”

A Universidade implícase na organización dunha xornada sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro

O programa recoñece o esforzo realizado polas mulleres neste sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 23/10/2009

A Universidade participa na organización das II Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro nas que se porá de manifesto a verdadeira importancia das mulleres na área do mar e a industria. A entidade organizadora, a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar, pretende ser unha plataforma para transmitir á sociedade a situación social e laboral das mulleres na pesca e salientar o seu papel estratéxico no sector. A xornada desenvolverase na sede da fundación, a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados e Mariscos (Anfaco) o vindeiro 4 de novembro. Esta asociación mantén un vínculo de colaboración coa Universidade de Vigo a través da Cátedra Anfaco, co fin de potenciar a docencia, formación e investigación no ámbito da transformación de produtos do mar. O obxectivo desta xornada céntrase en recoñecer o esforzo realizado polas mulleres para integrarse nunha industria na que persiste a idea de que a pesca é un traballo de homes.

Programación

A xornada está estruturada en dous módulos, un de mañá e outro de tarde. Mulleres a pé de mar é o primeiro deles, no que se abordará o papel económico e a situación social e laboral das mulleres no sector da pesca, conserva e acuicultura, ademais de explicar as necesidades formativas e as posibles axudas para mellorar a súa integración. No programa da mañá destaca a exposición do caso de Massó, unha empresa conserveira exemplar na conciliación familiar e laboral e a participación de conserveiras, mariscadoras, redeiras e percebeiras que relatarán as súas experiencias. Mª Victoria Carballo Calero, catedrática de Historia da Arte da Universidade de Vigo, intervirá no segundo módulo, Mulleres con nome propio, falando dos mitos, lendas e iconas da imaxe da muller no mar. Tamén se tratarán neste espazo os roles laborais da muller e o seu papel nos postos directivos. A clausura do evento contará coa presenza de Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes e Carmen Quinteiro, directora da Área de Igualdade. A xornada complementarase co visionado da curtametraxe O prezo da dote , unha degustación de conservas e a exposición fotográfica Pioneiras que recolle unha colección de imaxes e relatos sobre mulleres precursoras en abrir camiño no eido empresarial.

Formalización da inscrición

Os interesados en participar nesta xornada deben cubrir o formulario de inscrición cos datos pertinentes e envialo por fax ao 986469269 á atención de Gabriela de Azcárraga Varela, ou ben por vía e-mail no enderezo administracion@fundacionconservamar.es. Todo aquel que o desexe poderá solicitar un diploma de asistencia.