DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio de colaboración coa Fundación Copade

A Universidade impulsa o comercio xusto no sector forestal

Participará na definición de indicadores que garantan a venda de madeira baixo criterios de responsa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 29/06/2012

A globalización da economía provocou que o consumidor merque produtos dos que descoñece a súa procedencia e os criterios cos que foi confeccionado. Neste contexto, para garantir que o comercio se leva a cabo baixo unhas condicións xustas, nacen fundacións como Copade, que fomenta esta idea de mercado en todo tipo de negocios. Defensora desta filosofía, a Escola de Enxeñaría Forestal do campus acaba de asinar un convenio de colaboración con esta fundación para fomentar estes valores de comercio xusto no sector da madeira “cooperando na definición de indicadores que garantan ao cidadán que hai uns mínimos requisitos sociais no que está mercando”, explica o profesor Juan Picos, impulsor do convenio de colaboración.

A fundación Copade é a principal impulsora da Plataforma Madera Justa, que ten como obxectivo “integrar na transacción de produtos forestais a filosofía de comercio xusto”, entendendo como tal aquela que respecta uns principios básicos como o rexeitamento da explotación infantil; a dignificación do traballo da muller; as relacións de traballo duradeiras e de confianza; salarios dignos; prezos xustos; responsabilidade social e respecto ao medio ambiente, entre outras cuestións. Como aclara o director da fundación, Javier Fernández, esta certificación está dando os seus primeiros pasos no mercado forestal, a diferenza doutros ámbitos nos que está máis avanzada, “polo que é fundamental o papel da Universidade e desta escola na redacción e definición de estándares e variables que establezan o nivel de esixencia mínimo para que a procedencia do produto sexa catalogada como responsable”, declara Fernández.

Unha acreditación “case obrigatoria”

A certificación forestal FSC dos produtos forestais xa é un primeiro paso “para que o consumidor merque coa conciencia tranquila”, pero os selos de comercio xusto van máis aló “pois non só garanten a trazabilidade do produto, senón que toda a cadea de transformación pola que pasou a madeira respectou as condicións sociais e de igualdade das persoas”, apunta Picos, que engade que esta necesidade de acreditar as condicións de produción responde a unha tendencia global e, do mesmo xeito que ocorre co selo FSC, “que aínda que é voluntario, o mercado case o esixe”, as acreditacións de comercio xusto “tamén se tornarán imprescindibles polo que debemos estar presentes nesta iniciativa dende os seus inicios”. Ademais o profesor da EE Forestal fai alusión a que a Universidade tamén é compradora de papel “polo que con este convenio está a defender unha xestión ambiental correcta presente nas súas transaccións”.

Prácticas, divulgación e cursos de formación

Ademais de colaborar na implantación de indicadores para a certificación dun comercio responsable, o convenio tamén contempla a posibilidade de desenvolver xornadas, cursos, conferencias formativas e informativas que conciencien aos produtores das novas necesidades do mercado forestal. Por outra banda, “este convenio enlaza coa filosofía da escola de ir establecendo acordos con axentes relevantes do mundo real que axuden á integración do noso alumnado no mundo profesional”, explica Picos “coa finalidade de devolverlle á sociedade en materia de coñecemento unha parte do que inviste en nós”, conclúe.