DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iniciarán a súa actividade nos vindeiros meses

A Universidade impulsa a posta en marcha de catro novas spin-off

Na actualidade xa están formalmente constituídas oito empresas de base tecnolóxica

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río  DUVI 11/11/2008

Ademais dunha canle para a transferencia de coñecementos entre o tecido investigador universitario e a sociedade, as spin-off son tamén un xeito de crear emprego cualificado. Neste sentido, a Universidade está implicada dende a Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación na posta en marcha de empresas de base tecnolóxica xurdidas da comunidade universitaria que explotan os coñecementos e tecnoloxías xeradas nos traballos de investigación realizados no seo da institución.
Na actualidade xa están formalmente constituídas e inseridas no mercado oito spin-off creadas na Universidade de Vigo que se basean maioritariamente en tecnoloxías emerxentes, avanzadas e innovadoras. Porén, dende a OTRI estase a traballar na posta en marcha de novas empresas de base tecnolóxica que sairán ao mercado proximamente. En total, atópanse en fase de estudo e titorización un importante número de novas ideas empresariais, o que confirma o éxito desta aposta da Universidade polo emprendemento dos investigadores. Segundo subliña Ángeles López, directora da OTRI, “trátase de rendibilizar a investigación tanto a nivel social como económico, creando tecido empresarial e xerando riqueza e emprego”.
Entre estas novas iniciativas empresariais destacan os temas relacionados co medio ambiente, nos que se centran dúas das catro futuras spin-off. A aplicación das técnicas de tratamento termal con peloides e o deseño mecánico no eido da automoción son os eixos de outras dúas propostas. Con todo, dende a OTRI apostan por fomentar esta cultura emprendedora “sensibilizando á comunidade universitaria sobre o aproveitamento do I+D xerado e desterrando a aversión ao risco que está tan asentada”. Con todo, dende o 2005 pasaron polo proceso de titorización arredor de 15 iniciativas, “pero non todas saen adiante, precísase un escenario acolledor e as ideas claras”, destaca. A RedOTRI a nivel nacional xestionou en 2007 algo máis de 70 iniciativas innovadoras, sobre todo do campo tecnolóxico e industrial, xa que “acadar unha idea de base tecnolóxica e emerxente xurdida da investigación en ciencias xurídicas e socias e humanidades é moi complicado, aínda que tratamos de fomentalo sobre todo en campos como Belas Artes”, explica López.

As ideas xa consolidadas

Dende o 2005, cando botaron a andar as primeiras spin-off xurdidas ao abeiro da Universidade xa se consolidaron oito empresas de diversa índole. Constituídas no 2005, Azteca e Imatia son as pioneiras. Azteca SL foi a primeira spin-off xurdida na Universidade ofrecendo solucións innovadoras no eido da enxeñaría e realizando proxectos de deseño industrial, avaliación e optimización de produtos e servizos, simulacións estruturais e desenvolvemento de aplicacións a medida. Imatia, liderada polo profesor Fernando Vázquez, xa está consolidada na creación de tecnoloxías para o desenvolvemento rápido de software, aforrando aos seus clientes tempo e cartos no proceso de creación de aplicación informáticas de calidade profesional.
Xa no 2006 púxose en marcha Umana Ingeniería da man de Xoan Leiceaga, profesor do Departamento de Deseño na Enxeñaría. Trátase dunha empresa centrada na realización de probas biomecánicas e ergonómicas xerais de ámbito clínico que axudan na diagnose e na mellora de resultados na rehabilitación. Outra das liñas de traballo é o deporte de elite, facendo seguimentos personalizados do rendemento deportivo.
Un ano despois, no 2007 naceron outras dúas iniciativas empresariais, Vixía Systems e Bit Oceans Research. A primeira delas xurde na Facultade de Ciencias da man de Jesús Torres e dedícase a tecnoloxías para a pesca e acuicultura, ofrecendo sistemas de axuda á navegación, detección de bancos de peixes, etc. Paralelamente, as liñas de negocio complétanse coa análise de calidade das augas e o desenvolvemento de modelos de sostenibilidade e impacto ambiental. Bit Oceans Research, pola súa banda, ten a súa orixe na ETSE de Telecomunicacións e traballa en áreas de seguridade, procesado de sinal ou sistemas de recoñecemento de caracteres. Impulsada polo catedrático Fernando Pérez e o profesor Óscar W. Márquez, esta fin de semana a empresa foi galardoada co premio á Mellor Aplicación TIC polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia pola súa proposta Fividoc. Ésta é unha iniciativa única en toda Galicia que xorde como a solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos enteiramente falsos, como a alteración, mediante técnicas manuais ou informatizadas, do contido dos mesmos. No mes de maio, Bit Oceans Reseach xa foi seleccionado co primeiro premio do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores como mellor empresa de base tecnolóxica.
Xa neste ano 2008 se puxeron en funcionamento tres novas spin-off que están a acadar importantes resultados no mercado. Ingeniería Insitu é unha iniciativa dos profesores do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Henrique Lorenzo e Pedro Arias, este último director da ETS de Enxeñeiros de Minas. A fotogrametría e teledetección cercanas son o obxecto desta empresa, coa que tratan de poñer en valor o traballo de investigación que o grupo desenvolveu nos últimos anos. Inbiogal, dirixida por Francisco Javier Rodríguez Berrocal, foi galardoada uns meses despois da súa creación no Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores na categoría Muller Emprendedora. Cun 70% do seu capital social en mans de mulleres, un dos principais obxectivos da empresa é dotar á sociedade dun centro no que, de xeito rutineiro e fiable, se leven a cabo análises xenéticos e bioquímicos que axuden ao diagnóstico e tratamento de diversos tipos de patoloxías, sobre todo cancros. Finalmente, dirixida polo profesor Joaquín Dosil, Q Coach é unha organización dedicada ao desenvolvemento de competencias directivas dende varias perspectivas, así como ao asesoramento ao deporte profesional. Para isto, combina a formación de directivos e a psicoloxía deportiva e participan na integración de competencias directivas.

O papel da OTRI

A OTRI ten encomendados unha serie de servizos para apoiar estas iniciativas emprendedoras facilitándolle á comunidade universitaria esta liña de transferencia de tecnoloxía e coñecemento. Por unha banda, trátase de difundir mediante xornadas informativas e charlas a cultura emprendedora, ao tempo que se asesora e apoia o acceso a programas como Empresa Concepto ou Uniemprendia, tanto para o desenvolvemento das ideas e proxectos como para o acceso ao financiamento. Ademais, proporciónase información sobre outros programas de axuda como a iniciativa NEOTEC do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial así como información sobre o acceso a incubadoras nas que as empresas se poden instalar nos seus primeiros anos de funcionamento. Por outra banda, a Universidade de Vigo conta tamén coa Oficina de Iniciativas Empresariais, OFIE, con actuación en iniciativas e proxectos empresariais de outros ámbitos non universitarios.