DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade inaugura o novo curso este venres en Ourense

O catedrático de Economía Miguel Ángel Crespo impartirá a lección inaugural

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/09/2010

O acto de apertura do curso académico 2009-2010 da Universidade de Vigo celebrarase este ano no campus de Ourense. A celebración, na que se reunirá boa parte da comunidade universitaria dos tres campus, terá lugar o vindeiro venres ás 12 horas no salón de actos do Edificio Politécnico.

A lectura da Memoria do Curso Académico 2009-2010 por parte da secretaria xeral, Inmaculada Valeije, marcará o inicio dun acto no que a lección inaugural será impartida polo profesor Miguel Ángel Crespo Domínguez, catedrático de Economía Financeira e Contabilidade. Baixo o título A empresa: información financeira e goberno corporativo, o relatorio achegaranos ao mundo da empresa, eixe de numerosas titulacións desta universidade.

A intervención do reitor, Salustiano Mato, pechará o acto, ao que, ademais da comunidade universitaria asistirán numerosas personalidades do mundo académico, social e político.

As inauguracións do curso das universidades galegas celébranse de maneira rotatoria nas tres universidades do SUG. Este curso a cerimonia conxunta celebrouse o pasado 13 de setembro, data de inicio das clases, no salón nobre do Colexio de Fonseca e contou coa participación dos tres reitores galegos e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Vigo será nesta ocasión a última das tres universidades galegas en celebrar o seu acto de apertura, xa que na Universidade da Coruña a celebración tivo lugar este mesmo luns.