DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os proxectos de Mario Pansera e Sara Varela obteñen, cada un, preto de 1,5 millóns do ERC

A Universidade incorporará dous investigadores seleccionados no programa europeo Starting Grant

Estudarán modelos económicos alternativos e as interaccións entre xeografía, clima e vida

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 03/09/2020

Dirixidas a que novas e novos investigadores destacados poidan crear os seus propios equipos de traballo e desenvolver liñas de investigación pioneiras, as bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) recibiron neste 2020 un total de 3272 candidaturas, das que só 436 acadaron o financiamento do organismo europeo. Entre elas, as presentadas polos investigadores Mario Pansera e Sara Varela, que desenvolverán na Universidade de Vigo uns proxectos que obtiveron, cada un deles, preto de 1,5 millóns de euros nesta convocatoria. Ao longo dos próximos cinco anos, o italiano Mario Pansera levará a cabo unha investigación que ten como obxectivo analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo, explorando “novas formas de organizar a produción máis sustentables e xustas”, mentres que Varela retornará ao seu Vigo natal para desenvolver unha liña de traballo que, a través da interacción entre clima, xeografía e vida, busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies.

Inseridas no programa Horizonte 2020 da Unión Europea, o ERC fixo pública este xoves a relación dos 436 proxectos gañadores, 23 en España, destas bolsas Starting Grant. “Son unhas axudas tremendamente competitivas, é como gañar unha medalla nas Olimpíadas”, salienta a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. “É de salientar”, engade, “o prestixioso recoñecemento” acadado por Varela e Pansera na convocatoria dunhas bolsas dirixidas a “fomentar a investigación da máis alta calidade en Europa”, que edicións anteriores, lograran o catedrático David Posada e a investigadora Elena Ojea. 

Consolidar unha traxectoria e crear un equipo de traballo

Como “unha oportunidade única para acelerar a miña carreira académica” valora esta bolsa Mario Pansera, actualmente profesor axudante na Universitat Autónoma de Barcelona. Prospera (Prospering without growth: Science, Technolohy and Innovation in a post-growth era) é o nome dun proxecto que, sinala, “abre a posibilidade de crear na UVigo un grupo de investigadores moi ben conectados a nivel internacional” e que foi un dos 126 seleccionados na liña de Ciencias Sociais e Humanidades. Tras doutorarse en Management pola Universidade de Exeter, Pansera desenvolveu unha estadía posdoutoral en Bruxelas, a través dunha bolsa Marie Curie, para logo traballar como investigador na Universidade de Bristol. A investigación e innovación responsables (RRI) e a innovación para a sustentabilidade centran as liñas de traballo de Pansera, que se incorporará á UVigo a comezos de 2021, tendo como grupo de referencia á agrupación estratéxica Ecobas.

Meses antes retornará a Vigo Sara Varela, actualmente investigadora no Museo de Historia Natural de Berlín. Tras licenciarse en Bioloxía na UVigo e realizar a súa tese de doutoramento no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, o seu labor investigador levouna á República Checa, Brasil e Alemaña, antes de obter con esta bolsa a oportunidade de “consolidar a miña carreira como investigadora na Universidade de Vigo”, sinala. “É unha oportunidade única para desenvolver un proxecto multidisciplinar e complexo, que necesita dun equipo grande e estable de investigadores", salienta Varela, que, dentro do Grupo de Ecoloxía Animal, buscará reunir un equipo de “especialistas en diferentes disciplinas, desde física do clima ata paleontoloxía” para o seu proxecto Mapas (Mapping biodiversity cradles and graves), un dos 124 seleccionados na liña de Ciencias da Vida.

“A incorporación destes dous investigadores significa a apertura dun futuro científico moi prometedor e punteiro na UVigo, tanto no ámbito das ciencias sociais, no caso de Mario Pansera, como no ámbito científico, no de Sara Varela”, sinala a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que lembra que os seus proxectos traerán aparellada a “atracción de máis talento” coa incorporación doutros “investigadores relevantes”, así como “un incremento das publicacións en revistas de prestixio”, que redundará “nun mellor posicionamento nos ránkings da UVigo”.

Clima, xeografía e evolución para predicir extincións

“Facer unha síntese do coñecemento que temos sobre bioxeografía (onde habitan as especies) e evolución (cando cambian as especies) da vida na Terra” é o propósito central do “ambicioso” proxecto que Sara Varela desenvolverá grazas a esta bolsa e que, recoñece, “abrirá novas posibilidades de traballo en Galicia en temas de palomacroecoloxía e palobioxeografía”. A idea, engade, é estudar “como interactúan o clima, a xeografía e a vida, modificándose os uns aos outros”, cun primeiro obxectivo de xerar “mapas paleoclimáticos para os últimos 540 millóns de anos, que á súa vez permita “programar un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida”. Deste xeito, o obxectivo final, sinala, “é comprobar se entendemos os procesos que xeran diversidade o suficiente para poder predicir onde e cando aparecen e desaparecen as especies” 

Para levar a cabo este proxecto, contará coa colaboración do Potsdam Climate Institute alemán e de investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica, Tamén colaborarán no proxecto a ilustradora Cirenia Arias Baldrich e o ‘paleoartista’ Douglas Henderson, o que fará posible divulgar, explica Varela, “non só os resultados da nosa investigación, senón como é o noso traballo día a día”. Nese senso, está prevista a realización dunha serie de vídeos e dunha exposición sobre a vida na Terra, “para falar do movemento dos continentes no tempo, dos eventos climáticos do pasado e das especies que habitaban o planeta en temos remotos”, na que contarán coa colaboración de Henderson.

É posible prosperar sen crecer?

Partindo da posta en cuestión de se as economías poden crecer eternamente e se ese crecemento económico perpetuo é “factible e desexable”, Mario Pansera centrará a súa investigación en “explorar como sería unha sociedade que prospera sen necesidade de aumentar de maneira indefinida indicadores como o PIB”. O investigador pregúntase neste proxecto se “habería espazo para a innovación nun modelo “poscrecemento”, xa que, ao seu xuízo, “desenredar a innovación do crecemento é a clave para imaxinar unha era” non baseada nun crecemento “insostible”. Pansera incide nese senso en que innovar tense convertido “nun imperativo para a supervivencia e expansión de calquera forma de organización”, polo que serán precisas “novas narrativas para a innovación”, que vaian máis aló da tecnoloxía e impliquen un “cambio cultural e institucional”. Deste xeito, a súa investigación buscará dar resposta ás preguntas de “como serían as organizacións nun sistema que non se basea nun crecemento sen fin; que niveis de complexidade tecnolóxica podemos alcanzar nunha economía que non crece; e que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma da innovación”. 

Deste xeito, o proxecto seleccionado polo ERC, destaca, “crea as condicións para que a UVigo se poña en primeira liña na investigación sobre economías e organizacións alternativas, centradas no benestar das persoas e non na maximización dos beneficios económicos”, permitindo explorar, “en tempos da covid-19, novas formas de organizar a produción que sexan máis sustentables e xustas”.