DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para participar é indispensable ter realizado algunha estancia internacional

A Universidade incorpórase ao programa Recruiting Erasmus para facilitar a inserción laboral do alumnado

Dará acceso directo a participar en procesos de selección de personal de 17 compañías de primeira li

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 20/03/2012
Naceu co obxectivo de pór en contacto aos estudantes que xa tiveron unha experiencia Erasmus con empresas de primeiro nivel internacional e hoxe conta co apoio de máis de 60 universidades españolas ás que agora se acaba de unir Vigo. “Conscientes de que ter unha experiencia internacional é probablemente unha das accións máis efectivas que calquera estudante pode realizar para mellorar de xeito moi significativo á súa empregabilidade”, o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias subliña que unirse ao programa Recruiting Erasmus lle permite á Universidade “manter canles de relación abertos cun grupo de empresas globais altamente recoñecidas, cunha porcentaxe moi alta de emprego internacional cualificado”, subliñou.

O programa, posto en marcha pola consultora PeopleMatters, está centrado en alumnado que xa viviu unha experiencia internacional e que conta con un perfil que coincide co que acostuman a demandar as empresas de primeiro nivel internacional, firmas que valoran altamente cualidades como o dominio de idiomas, a disposición para a mobilidade, a creatividade ou a capacidade para detectar oportunidades.

17 compañías de primeira liña

As liñas principais do acordo céntranse en facilitar a inserción laboral dos titulados nas empresas participantes, unha carteira na que xa se inscribiron 17 compañías de primeira liña (Abbott,Banesto, BBVA, CLH, Gas Natural Fenosa, Heineken, Iberia, Ikea, Inditex, Janssen, Kellogg, MSD, Prosegur, Siemens, Tecnalia, USP Hospitales e Vodafone).

O papel da Universidade centrarase en difundir o proxecto entre todos os estudantes que cursan programas académicos con estancia internacional, mentras que para as empresas participantes o programas dálles acceso a unha base de datos de 20.000 estudantes entre os que poden difundir de maneira exclusiva todas as súas ofertas e programas de emprego sen apenas custes de recrutamento. Para Alfonso Jiménez, socio director de PeopleMatters, consultora especializada en recursos humanos que promove o programa, “iniciativas coma esta facilitan aos nosos alumnos con experiencia internacional as súas primeiras experiencias de traballo e empezar a construír currículo laboral en varias das maiores empresas españolas e en multinacionais con presenza no noso país”, apuntou, ao tempo que lembrou que na actualidade o programa conta con preto de 20.000 universitarios “de carreira brillante” que realizaron o programa Erasmus da Unión Europea ou algún similar con estancia internacional.