DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cubriuse o 91,7% do total de prazas que no caso do ámbito científico chegou ao 100%

A Universidade incrementa nun 13,5% a matrícula de primeiro curso

O número total de matriculacións ascende a 22.325, un 7% máis que no curso 2009-2010

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/11/2010

A matrícula rexistrada no primeiro curso das máis de 50 titulacións ofertadas pola Universidade de Vigo ascende a 3615 alumnos e alumnas, o que se traduce en case un 13,5% de incremento respecto do curso 2009-2010 no que a cifra de matriculacións acadara as 3128. “É un dato moi positivo”, sinalou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, “que indica un incremento significativo se se compara coa media das universidades españolas que é dun 10% e máis no caso da demografía de Galicia que non é unha comunidade con moita poboación en idade universitaria”.

Na súa comparecencia o reitor destacou que do total de prazas ofertadas nos primeiros cursos cubríronse o 91,7%, quedando para o 8,3% restante (317 prazas) un prazo de solicitude que remata o vindeiro 10 de novembro.
Mato tamén destacou que en 34 titulacións (un 65% do total) a demanda do alumnado superou á oferta, limitada na totalidade dos graos, algo que non se produce no caso das universidades de Santiago e A Coruña que ofertaron 11 graos sen límite de prazas no da primeira e 10 no da segunda. Sobre a posibilidade de incrementar o límite de prazas establecido á vista de que a demanda superou á oferta en máis dun 60% de titulacións, o reitor sinalou que “teremos que facer unha revisión pero mantendo o mellor equilibrio axustado á capacidade da Universidade”.

Para o reitor, factores como a crise, o axuste realizado a raíz da implantación do Plan Boloña entre a oferta e a demanda e o que denominou como “efecto chamada no ámbito científico derivado da nosa singularidade en relación co mar”, explicarían o incremento rexistrado na matrícula dos primeiros cursos que “é a que amosar a viveza e a taxa de renovación da Universidade”.

Ourense á cabeza do incremento de matrícula e pleno no ámbito científico

Ourense, con case un 19%, foi o campus da Universidade de Vigo onde máis aumentou a matrícula en primeiro, seguido de Vigo e de Pontevedra. Concretamente nas titulacións que se ofertan no campus ourensán o incremento foi de case un 19% respecto do curso pasado, acadando as 853.
En Vigo o número de matrículas superou lixeiramente as 2000 (2015 concretamente) o que se traduce nun 13,34% de incremento, mentres que en Pontevedra chegou ás 747, un 7,50% de aumento (56 máis).

Por ámbitos tamén se teñen rexistrado incrementos significativos nas matriculacións destacando case o 60% acadado no de Ciencias que pechou a totalidade de matriculacións nas súas titulacións (Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Ciencias Ambientais; Bioloxía; Ciencias do Mar e Química) superando as 250 matriculacións, cos graos de Ciencias do Mar e Bioloxía á cabeza. No Xurídico-Social o incremento no número de matriculacións en primeiro curso achégase ao 9,5%, quedando situadas en 1591. ADE sitúase á cabeza con preto de 300 matrículas e seguido de Ciencias da Actividade Fisica e do Deporte; Publicidade e Relacións Púbicas; Dereito e Relacións Laborais. Pola súa banda as tiltulacións de Humanidades tamén rexistraron un incremento de algo máis dun 6% situándose en 364 matriculacións. Belas Artes foi a titulación máis demandada, seguida de Tradución e Interpretación Español-Inglés e Tradución e Interpretación Galego-Inglés. No caso das Enxeñarías o incremento rexistrado foi do 1,37%, cun total de 1032 matriculados, aínda que neste caso hai que ter en conta a implantación este curso por primeira vez dos novos graos na maior parte da titulacións e ademais con límite de prazas en case todos eles.

Mato, que destacou o incremento rexistrado en especial no caso do campus de Ourense e tamén no ámbito científico, asegurou que no caso das enxeñarías “cómpre analizar con detalle e con tempo o que é un escenario moi novo e con moitas modalidades” nun ámbito no que se produciron moitos cambios a raíz da implantación de Boloña como as competencias profesionais e os cambios na FP.

Por sexo a porcentaxe de mulleres matriculadas en primeiro supera á dos homes, un 56% fronte a un 44%. En canto á procedencia do alumnado matriculado o 96% é orixinario de Galicia (3437), o 3,6% de fóra (131) e o 0,4% son estranxeiros (15). O reitor valorou positivamente o incremento rexistrado no caso do alumnado de fóra de Galicia, aínda que “é un indicador para incrementar”.

Incremento dun 7% no global da matrícula

O número total de matriculados e matriculadas na Universidade de Vigo ascende a 22.325 no curso 2010-2011, o que supón un incremento na matrícula dun 7%. Con todo, cabe subliñar que aínda existe algún período de matrícula aberto no que podería producir algunha matriculación máis.

Por campus, o de Vigo rexistra algo máis do 60% do total da matrícula, Ourense supera o 20% e Pontevedra sitúase arredor do 19%. Por sexo o 53% das matriculadas son mulleres e o 47% homes. Por procedencia o 96% son galegos e o 4% restante de fóra de Galicia.

Á espera da proposta financeira da Xunta

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o reitor tamén confirmou que á Universidade de Vigo agarda á chegada da proposta de criterios para o reparto do 90% do financiamento universitario para analizalo que facer unha valoración. En calquera caso Mato asegurou que “agora nos xogamos algo cuantitativo e non cualitativo” ao tempo que insistiu na proposta defendida pola Universidade de Vigo dunha distribución de financiamento “en función de obxectivos e non premiando a ineficiencia”.

O reitor, que demandou a concreción dun discurso por parte da Xunta “que é quen ten marcar a política”, insistiu en que “nos xogamos un principio cuantitativo. Se se concreta nós estaremos aí e se non, non”, afirmou.