DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolvéronse máis dun millar de actividades de I+D+i

A Universidade ingresa no 2009 dez millóns de euros por contratos de investigación

Tics, enerxías, software, saúde, alimentación, medio ambiente..., algunhas das áreas máis demandadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/02/2010
A Universidade ingresou o pasado ano 9.970.000 euros pola realización de máis de 1000 actividades de I+D+i. Empresas, administracións e centros tecnolóxicos conforman o núcleo central dunha “carteira de clientes” da que tamén forman parte fundacións, asociacións sen ánimo de lucro e mesmo sindicatos, por citar algúns exemplos.
A cifra inclúe dende contratos que poderiamos denominar de longa duración, pois poden durar máis de dous anos e acadar importes de ata 500.000 euros, ata servizos mínimos polos que non se chega a cobrar máis de 19 euros, o que dá unha idea da variedade de servizos dos que estamos a falar.

O ámbito tecnolóxico encabeza o ranking de recursos captados

O Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos encabeza, con 1.048.000 euros, o ranking de departamentos que máis recursos capta por actividades de I+D, se ben tamén se atopa moi próximo a esta cifra o Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións con 972.000 euros. Despois tomarían o relevo os departamentos de Química Analítica e Alimentaria (667.950), Química Física (585.000) e Enxeñaría Telemática (511.099). Organización de Empresas e Marketing (456.000), Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente (446.000), Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía (393.300), Química Orgánica (223.000) e Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio (192.000) completarían o baremo dos dez departamentos que máis recursos captan por este tipo de actividades.
Os ámbitos tecnolóxico e científico acaparan a maior parte destes contratos e informes, pero pouco a pouco o xurídico-social vaise facendo tamén un oco importante á hora de prestar este tipo de servizos a outras empresas e institucións. O curso pasado os investigadores deste ámbito levaron a cabo 84 actividades deste tipo por valor de case un millón de euros que, aínda que están lonxe das máis de 800 que se contrataron no ámbito tecnolóxico, están a medrar ano a ano. Moi lonxe destas cifras están as humanidades, onde a realización de contratos e informes segue a ser aínda mínima.

1099 exemplos do potencial universitario

Se pasamos dos datos xerais aos exemplos concretos as imaxes son tantas como contratos e informes se asinaron. Podemos falar dende un macroproxecto en temas de eficiencia enerxética ata outro sobre a análise dos riscos potenciais das instalacións de residuos procedentes das actividades extractivas en Galicia; dende a posta en valor do patrimonio inmaterial galego ata as tecnoloxías emerxentes de procesado de alimentos; dende o deseño, desenvolvemento e implantación dun sistema de xestión para as bodegas de denominación de orixe Rías Baixas ata un diagnóstico do sistema universitario de Galicia elaborado para a Consellería de Educación.
Un grupo de investigadores en Ciencias da Actividade Física que poñen os seus coñecementos ao servizo do Pontevedra CF; un creativo que realiza un informe sobre a estratexia dunha empresa téxtil de Galicia, un experto en coaching que forma en habilidades directivas a empresarios e mesmo a políticos; multitude de informes sobre negociación de convenios, fusión de empresas e asesoramento sobre determinadas leis son exemplos de como o ámbito xurídico-social está cada vez máis implicado neste tipo de actividades.
No campo humanístico o camiño apenas está iniciado pero a evolución, aínda que lenta, está sendo positiva. Un informe realizado para unha empresa sobre a avaliación da calidade da interpretación audiovisual en Galicia ou outro sobre os servizos de tradución para a rede de xenotipado de enfermidades neurolóxicas e siquiátricas son dous exemplos concretos que avalan esta tendencia.