DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O convenio asinado hoxe está impulsado polo acordo para a creación no campus do CENIT

Universidade e INSA sentan as bases dunha cooperación conxunta para o desenvolvemento científico e tecnolóxico

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/10/2009

Desenvolvemento de proxectos de investigación; organización e realización de actividades académicas; apoio a investigadores e estudantes e impulso ao desenvolvemento de actividades dirixidas á promoción do uso das tecnoloxías da información. Esta son algunhas das actividades e proxectos que a Universidade de Vigo e INSA, Ingeniería del Software Avanzado, desenvolverán ao abeiro do convenio asinado hoxe polos seus máximos responsables e que ten a súa orixe no interese común de ambas entidades en promover a cooperación e colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico, procurando unha aplicación práctica do coñecemento en proveito da sociedade.
O convenio que está impulsado polo acordo recentemente asinado por IBM e Caixanova para a creación no campus de Ourense do Centro de Innovación Tecnolóxica, CENIT, que iniciará as súas actividades traballando nun proxecto de desenvolvemento e xestión das aplicacións de Caixanova, foi cualificado pola directora xeral de INSA, Pilar García Ceballos-Zúñiga de “relevante”, mentres que o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago afirmou que se trata “dun paso máis na consolidación de CENIT”. Unha idea na que afondou a directora xeral de INSA que asegurou que “a Universidade e máis concretamente o campus de Ourense é a futura canteira profesional do CENIT”, unha afirmación que García apoiou coa confirmación da posible incorporación ao centro no mes de novembro dun total de 15 posgraduados da Escola Superior de Enxeñaría Informática que neste intre están a completar a súa formación.
Pola súa banda o director de Relacións Institucionais de Caixanova en Ourense, Armando Rodríguez, destacou a liña de colaboración aberta entre a Universidade de Vigo e INSA como “un primeiro paso” e lembrou os fortes vínculos que manteñen a entidade financeira e a Universidade e o “compromiso social de Caixanova coa cidade de Ourense e con toda a provincia”.

Desenvolver o talento en e desde Galicia

Máis alá de se converter en canteira para o CENIT, a relación que Universidade de INSA inician coa sinatura deste convenio, traducirase noutras accións que serán definidas por unha comisión mixta, aínda que tanto o reitor como a directora xeral de INSA avanzaron algunhas posibilidades de colaboración entre ambas institucións. Así Pilar García apuntou a de “facilitar ao estudantado prácticas empresariais ”, así como accións e programas sobre bolsas, proxectos fin de carreira ou centros de especialización técnica. Trátase en definitiva en palabras da directora xeral de INSA de “desenvolver o talento en e desde Galicia”.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo sinalou como aspiracións da institución académica na súa relación con INSA a cooperación educativa e as liñas de investigación compartidas, pero puxo especial énfase na creación dunha cátedra “que pode incorporar prácticas profesionais, bolsas de investigación para titulados ou postos de traballo”.
Tanto García como Gago agradeceron a implicación de ambas institucións na consolidación do CENIT que o director de Relacións Institucionais de Caixanova en Ourense, Armando Rodríguez asegurou fará de Ourense “un potente foco de I+D+i” no que desenvolverán o seu traballo ata 400 profesionais.